Medio Ambiente traslada aos concellos galegos a postura da Xunta sobre a inclusión do lobo no Lesrpe

Ángeles Vázquez recordou ás administracións locais que ata o 26 de febreiro poden presentar alegacións á consulta pública sobre a modificación do real Decreto que pretende aprobar o Executivo central

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda lamenta que a decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica non actualizará o listado, nin solucionará a coexistencia e convivencia da gandería e o lobo

Avanza que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural está a ultimar a redacción da alegación do Goberno galego a esta decisión da Administración estatal

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou esta tarde aos concellos galegos a postura que defende a Xunta de Galicia ante a inclusión do lobo no Listado de especies silvestre no réxime de protección especial (Lesrpe). Ángeles Vázquez mantivo unha reunión co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, na que lle informou dos pasos e xestións realizadas pola Xunta para revocar a decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Recordou que o proceso de consulta pública segue aberto ata o día 26 de febreiro, polo que os concellos galegos poden presentar as súas consideracións á consulta pública relativa á modificación que pretende levar a cabo o departamento que dirixe Teresa Ribera, co fin de que se escoite a opinión e preocupación da sociedade galega, sobre todo dos sectores económicos más afectados por esta decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Salientou que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural puxo a disposición dos interesados un modelo de alegación, con tres argumentos para intentar paralizar esta inclusión. Neste escrito sinálase que esta modificación non debe avanzar porque o propio Ditame do Comité Científico -sobre o que o Ministerio apoia a súa decisión- xa recolle que a solicitude se basea en criterios subxectivos e por non considerar esta especie como ameazada ao non recomendar a súa inclusión na categoría de vulnerable no Catálogo español de especies ameazadas, xa que non se cumpren os requisitos orientadores.

Un terceiro argumento é que a modificación que defende o Estado non soluciona o mantemento e actualización do listado e tampouco soluciona o verdadeiro problema, como é o feito de facilitar a coexistencia e convivencia da actividade gandeira galega e o lobo.

Por último, indicoulles que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural está a ultimar a redacción da alegación que presentará o Goberno galego á modificación do Real Decreto 139/2011, que prevé a incorporación de todas as poboacións españolas de Canis Lupus no Lesrpe.

Imaxes relacionadas