Fernández-Tapias: “fomentar e incentivar o acceso da xente nova a súa primeira vivenda é un obxectivo irrenunciable para a Xunta”

A delegada territorial visitou hoxe a unha das beneficiarias das axudas activadas para a adquisición de inmobles de menores de 35 anos no casco histórico de Vigo

Subliñou que unha das prioridades do Goberno galego para os vindeiros cinco anos en materia residencial serán medidas dirixidas os mozos e mozas

Recorda que este ano os orzamentos autonómicos reservan máis de 12 millóns de euros en inversións en materia de vivenda na cidade
 

Vigo, 23 de febreiro de 2021

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou esta mañá a decidida aposta do Goberno autonómico por facilitar o acceso á compra de vivenda aos menores de 35 anos, con medidas e incentivos dirixidos aos máis novos para que dispoñan de apoios económicos para formar o seu fogar.

É o caso de Eva Prado, unha das beneficiarias da orden de axudas para a adquisición dunha vivenda no caso histórico de Vigo que recibiu unha achega da Xunta de 12.800 euros, á que a representante autonómica visitou esta mañá. Segundo dixo a delegada, Prado é unha das 340 mozas e mozos galegos que desde 2018 puideron ter este apoio económico da Xunta nas distintas ordes activadas.

Un dos obxectivos recollidos no Pacto Social pola Vivenda promovido pola Xunta e asinado por un total de 10 entidades e colectivos representativos do sector en Galicia para mobilizar máis de 1.080 millóns de euros entre fondos públicos e privados a través de case 50 medidas e accións estratéxicas nos vindeiros cinco anos, tal e como remarcou a delegada.

Concretamente, indicou daráselle un novo pulo á adquisición de vivendas protexidas con axudas de ata 20.000 euros. En canto ao alugueiro, lanzarase a modalidade de arrendamento con opción de compra para os menores de 35 anos, reformarase o programa de vivendas baleiras con axudas de ata 8.000 euros para os propietarios, e estableceranse novos instrumentos de colaboración entre a Xunta e as entidades sociais para paliar a exclusión residencial dos colectivos máis vulnerables.

En materia de rehabilitación e rexeneración dos espazos urbanos, Fernández-Tapias sinalou que se seguirá apostando pola recuperación de inmobles xa construídos, sobre todo en núcleos rurais e concellos con saldo demográfico negativo, para os que tamén se porá en marcha un programa para facilitar aos concellos a dinamización e posta no mercado dos seus núcleos en estado de abandono.

Así mesmo, no relativo á estratexia para mobilizar máis solo residencial, primaranse aquelas ofertas para construír vivendas de protección autonómica, destinadas ás persoas e colectivos con maiores dificultades.

Neste sentido, a delegada recordou que o orzamento da Xunta en materia de vivenda en Vigo ascende a 12 millóns de euros, e defendeu actuacións tan importantes neste ámbito na cidade como as desenvolvidas polo Consorcio Casco Vello de Vigo, do que destacou o valioso traballo de recuperación edificatoria e patrimonial que está a realizar.

Desde o ano 2005 o Goberno galego investiu máis de 27,4 millóns de euros en actuacións de rehabilitación no barrio histórico vigués, permitindo poñer no mercado un total de 110 vivendas e 33 locais e contribuíndo á recuperación da súa actividade comercial e social.

Asemade, Fernández-Tapias lembrou que a Xunta daralle este ano un impulso definitivo ao barrio vigués de San Paio de Navia, reservando oito millóns para as expropiacións e as obras de urbanización, ademais de comezar coa comercialización das primeiras parcelas para que empresas e cooperativas poidan iniciar así a edificación das aproximadamente 1.600 vivendas públicas proxectadas neste ámbito residencial.

E, xa por último, a delegada territorial fixo tamén referencia ás 62 novas vivendas protexidas que se están a construír nas rúas Canicouva e Ignacio Grobas, nas que a Xunta inviste 8,4 millóns de euros e que estarán rematadas este ano.
 

Imaxes relacionadas