A Xunta asesora ás empresas galegas sobre os retos e oportunidades para a loxística vinculadas ao Brexit

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta tarde nunha xornada en liña do ciclo ‘Brexit Galicia’, que ofrece información e analiza accións de mellora para os sectores estratéxicos nas relacións comerciais co Reino Unido

A Administración autonómica realiza unha enquisa dirixida ás compañías para coñecer o impacto que está a producir a saída deste país da Unión Europea

Salienta a aposta do Goberno galego por apoiar ao tecido produtivo co reforzo das liñas de axudas a través da creación da Oficina Brexit

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2021

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta tarde na xornada dixital Análise dos retos loxísticos e oportunidades de negocio vinculadas ao Brexit, encontro que forma parte do ciclo Brexit Galicia, organizado pola Xunta de Galicia para achegar información actualizada sobre o impacto da saída do Reino Unido da Unión Europea e analizar accións de mellora para sectores estratéxicos da economía galega como o agroalimentario, o téxtil e a automoción, ademais do loxístico.

Na súa intervención, o director do Igape salientou que, ao tempo que están en funcionamento as medidas de apoio activadas pola Administración autonómica, estase a realizar unha avaliación sobre o impacto do Brexit no tecido produtivo galego. Guldrís invitou a todas as empresas a colaborar, respondendo ás sete preguntas que inclúe o cuestionario da enquisa dispoñible na páxina web do servizo Igape Responde Brexit.

Na xornada, a segunda do ciclo que comezou o pasado mes de xaneiro, participaron representantes da Subdirección Xeral de Xestión Aduaneira da Axencia Tributaria, o Clúster da Función Loxística de Galicia e a empresa galega Finsa, que ten ao Reino Unido como un dos mercados destino dos seus produtos.

A Oficina Brexit

O director do Igape puxo de relevo que son necesarios todos os esforzos para recuperar o nivel de vendas ao Reino Unido anterior á pandemia da covid-19 e á súa saída da Unión Europea e lembrou que, para contribuír a que este país siga a ser un dos principais destinos das exportacións da Comunidade, o Goberno galego vén de consolidar as medidas de apoio ao tecido produtivo coa creación da Oficina Brexit.

Destacou que este programa, destinado tanto ás empresas que comercian neste destino como ás que teñen previsto facelo, inclúe cinco servizos: as axudas do Cheque Brexit, unha nova antena en Londres, a ferramenta de autodiagnóstico que xa está en funcionamento, o servizo Brexit Igape Responde e diferentes medidas de información e formación, entre as que se atopa a xornada celebrada hoxe.

Imaxes relacionadas