A Xunta destina 1,3 M€ en 2021 á mellora das condicións ambientais e laborais no ámbito da minaría e da elaboración de rocha ornamental

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, visitou esta mañá, en Carballeda de Valdeorras, o Centro Tecnolóxico da Pizarra, onde se reuniu tanto co Clúster como con empresarios do sector

Traslada o compromiso da Xunta co fomento dunha minería sostible e a necesidade de apostar pola innovación e as melloras tecnolóxicas e medioambientais

O ano pasado, ao abeiro destas ordes, apoiáronse un total de 49 proxectos en Galicia, dos que 10 corresponderon á provincia de Ourense

Carballeda de Valdeorras (Ourense), 23 de febreiro de 2021

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, visitou esta mañá o Centro Tecnolóxico da Pizarra, en Carballeda de Valdeorras, onde tivo a oportunidade de reunirse tanto con representantes do Clúster da Pizarra como con empresarios do sector para avaliar a súa situación actual e os obxectivos comúns que permitan o seu impulso e mellora.

A directora xeral aproveitou a ocasión para trasladarlles o compromiso da Xunta de Galicia co fomento dunha minaría sostible e informarlles das convocatorias que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación abrirá o vindeiro mes de marzo para a mellora das condicións ambientais e laborais tanto no ámbito da minaría como da elaboración de rocha ornamental, ás que se destinan 1,3M€.

A primeira das convocatorias está dirixida a empresas que, dentro do territorio da Comunidade, realicen actividades reguladas pola lexislación mineira. Conta cun orzamento de 1.016.839 euros e será de concorrencia non competitiva. O obxectivo é favorecer a aplicación de tecnoloxías innovadoras e implantar as mellores técnicas e medidas organizativas dispoñibles para a loita contras as enfermidades profesionais, en especial as derivadas da exposición ao po e o ruído.

Trátase de promover o desenvolvemento sustentable deste sector que constitúe un importante motor económico para as zonas de Galicia onde se leva a cabo esta actividade de importante impacto socioeconómico. Por unha parte, as axudas dirixiranse a investimentos para a mellora da calidade do ambiente atmosférico, en especial mediante a redución de emisións de po e ruído. Por outra parte, apoiaranse actuacións para a redución da exposición ao po e o ruído das persoas traballadoras e, deste xeito, mellorar as súas condicións laborais.

Adicionalmente, tamén se convocan apoios destinados ás empresas que se dediquen á elaboración de rocha ornamental para incentivar a loita contra as enfermidades profesionais, especificamente as que se poidan derivar dunha exposición prolongada ao po. Neste caso, o orzamento é de 300.000 euros e tamén se outorgarán en réxime de concorrencia non competitiva.

O ano pasado, grazas a estas dúas liñas, apoiáronse un total de 49 iniciativas, 10 na provincia de Ourense –nove na liña destinada á minaría e unha na de rocha ornamental–. Unha das empresas beneficiarias destas axudas foi Castrelos, do Grupo Cafersa, cuxas instalacións tamén visitou hoxe a directora, quen puxo en valor a súa aposta pola innovación tecnolóxica co obxectivo de mellorar as condicións de seguridade e saúde no traballo do seu persoal mediante a aplicación de melloras.

Paula Uría, que destacou e agradeceu o labor do Clúster da Pizarra, trasladou o apoio da Xunta ao sector apostando pola innovación e polas melloras tecnolóxicas e medioambientais dispoñibles como o mellor xeito para conseguir unha alta capacidade de produción co valor engadido da mellora na calidade dos produtos e dunha redución dos custos da produción: “Quero felicitar a todo o conxunto de persoas que co seu traballo fan posible que as empresas deste sector se encontren á vangarda da transformación de lousa”, subliñou.
 

Imaxes relacionadas