Augas de Galicia prevé a execución desta actuación no marco do Eixe REACT UE do programa europeo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta á covid-19

A Xunta remítelle ao Concello de Beariz o convenio de colaboración para impulsar a renovación da rede de abastecemento no núcleo de Magros, cun investimento de 105.000€

As actuacións propostas pola Xunta, cun prazo de execución de 4 meses, atenden á solicitude do Concello de reposición desta rede nos barrios de Aldea de Arriba e Aldea de Abaixo, que rexistra roturas frecuentes

Augas de Galicia achegará o 80% do investimento, 84.000 euros, asumindo a contratación, execución e xestión das obras ata a súa entrega ao Concello

O Concello financiará o 20% restante, 21.000 euros, comprometéndose á obtención de permisos e á realización dos trámites necesarios, á posta á disposición dos terreos para a súa execución, e á recepción, mantemento e conservación das actuacións

Con esta actuación darase servizo a unha poboación de 431 habitantes

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de remitirlle hoxe ao Concello de Beariz a proposta de convenio de colaboración para impulsar a renovación da rede de abastecemento no núcleo de Magros.

Na actualidade os barrios de Aldea de Arriba e Aldea de Abaixo, dentro do núcleo de Magros, dispoñen dunha rede de abastecemento moi antiga, instalada na súa maior parte polos propios habitantes do núcleo. A rede presenta múltiples carencias, ademais non dispón de ningunha válvula redutora de presión, o que fai que parte do barrio de Aldea de Arriba estea a traballar con presións moi altas polo que as roturas na rede son frecuentes e causa problemas no funcionamento dos aparellos domésticos.

Mediante este convenio, desde Augas de Galicia proponse a execución dunha nova rede de abastecemento en ambos os barrios do municipio ourensán de Beariz, para asegurar un caudal mínimo de auga ás vivendas e caudal nas bocas de rega e incendio.

Segundo recolle o texto do convenio trasladado pola Administración autonómica, a Xunta apoiará ao Concello no desenvolvemento das súas competencias municipais cofinanciando a actuación nun 80% coa achega de 84.000 euros. Tamén levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras ata completar a súa finalización e formalizar os correspondentes actos de recepción.

Pola súa banda, o Concello de Beariz contribuirá ao financiamento do 20%, cun investimento de 21.000 euros, comprometéndose a someter o proxecto das obras a información pública, así como a pór á disposición os terreos necesarios para levar a cabo as actuacións. Tamén asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

Augas de Galicia prevé realizar esta actuación, cun prazo de execución de catro meses, no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á covid-19.

Este financiamento permitirá executar estas obras que teñen sido solicitadas pola entidade local e que se deben formalizar coa sinatura do convenio remitido hoxe por Augas de Galicia ao Concello, ao que se lle dá un prazo dun mes para dar resposta sobre o convenio, e para trasladar o correspondente xustificante da retención de crédito da achega que asume a Administración local.

Actuacións a executar

As obras proxectadas incluirán a renovación da rede de abastecemento procedente do depósito de regulación, desde a súa entrada no núcleo de Magros pola Aldea de Arriba, ata que chega á Aldea de Abaixo, instalando tubaxe de 75 mm de diámetro. En ambos os extremos colocaranse válvulas redutoras de presión. Renovarase tamén toda a rede da Aldea de Abaixo con tubaxe.

En conxunto, executarase un total de 456 metros de tubaxe, ademais de chaves de paso, bocas de rega, ventosas e desaugadoiros para o correcto funcionamento da rede.

Con esta actuación darase servizo a unha poboación de 431 habitantes.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.