Medio Ambiente financia accións municipais de xestión de residuos nos concellos de Cambados, Vilagarcía, O Grove e Valga cun investimento de 463.000€

O delegado territorial, Luis López, e o xefe territorial, José Manuel González, supervisan as aportacións realizadas no Concello de Cambados, que se beneficiou das tres liñas para recollida de voluminosos, fracción orgánica e compostaxe

As axudas do Goberno galego permitirán que Vilagarcía de Arousa e Cambados dispoñan de punto limpo móbil para facilitar o depósito de grandes residuos por parte dos veciños grazas á súa itinerancia
 

Cambados, 23 de febreiro de 2021

A Consellería de Medio Ambiente vén de financiar diversas accións municipais de xestión de residuos, correspondentes co período 2020-2021, nos concellos de Cambados, Vilagarcía de Arousa e O Grove, da bisbarra do Salnés, e tamén de Valga, pertencente ao Baixo Ullán, cun investimento de 463.645€.

Con motivo destas achegas, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, e o xefe territorial de Medio Ambiente, José Manuel González, achegáronse ata o Concello de Cambados para supervisar as aportacións realizadas pola consellería e que inclúen as tres liñas abertas, correspondentes coa recollida de voluminosos (70.000€), a xestión da fracción orgánica (72.051€) e o desenvolvemento da compostaxe (59.005€). En total, o Concello de Cambados, o máis beneficiado da bisbarra ao abeiro desta orde, terá recibido 201.056€ para a mellora da xestión municipal de residuos. Na visita estiveron acompañados pola alcaldesa, Fátima Abal.

“O Concello de Cambados é un dos que está a aproveitar todas as posibilidades que confire a Xunta de Galicia para a mellora do medio ambiente, a redución da contaminación e o tratamento axeitado dos residuos, xa que accede ás tres liñas abertas ao abeiro desta orde de axudas e tamén ten previsto rebaixar a taxa do lixo á veciñanza grazas aos descontos que se ofertan dende Sogama neste ámbito”, sinalou o representante autonómico, que acudiu nesta visita ata o punto limpo fixo, construído hai vinte anos cun investimento de 200.000€ tamén procedente da Xunta de Galicia.

En canto ás concesións realizadas á bisbarra do Salnés no marco desta liña de axudas, hai un total de catro concellos beneficiarios que recibirán 463.645€ para o desenvolvemento de accións de competencia municipal vencelladas á xestión de residuos e que inclúen a dotación de dous puntos limpos móbiles, en Cambados e Vilagarcía de Arousa, para facilitar o depósito de voluminosos e grandes residuos por parte da veciñanza grazas ás posibilidades que ofrecen estas infraestruturas pola súa itinerancia.

Así, ademais das tres axudas concedidas a Cambados, Medio Ambiente outorgou 165.495€ ao Concello de Vilagarcía para o citado punto móbil e os tratamentos da fracción orgánica, 59.800€ a Valga para a implantación da compostaxe e 37.294€ ao municipio do Grove para a xestión dos residuos do contedor verde.
 

Imaxes relacionadas