A Xunta activa unha alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da provincia da Coruña a partir desta tarde

Lémbrase a necesidade de extremar as precaucións, seguir as medidas de protección pertinentes e consultar a web axega112.gal

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2021

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da provincia da Coruña.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a partir deste tarde dará comezo un fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa que afectará ao noroeste da costa coruñesa e que a primeiras horas da noite se estenderá ao oeste e suroeste da provincia da Coruña. Agardase mar combinada do oeste con ondas entre 5 e 6 metros. O resto do litoral galego permanecerá en alerta amarela.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.
 

Imaxes relacionadas