Luis López visita o inicio do cribado de detección da covid-19 en Meaño e anima á participación masiva da cidadanía

Meaño, (Pontevedra) 22 de febreiro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistiu esta tarde ao comezo do cribado de detección da covid-19, con tests rápidos de antíxenos con mostra nasofarínxea, no centro de saúde de Meaño e quixo animar á participación masiva da cidadanía, “xa que é fundamental para detectar casos asintomáticos e frear o ritmo de contaxios e a transmisión do virus”.

O representante autonómico, acompañado da directora de Atención Primaria da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Belén Piñón, e do alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, supervisou o arranque deste proceso, que está orientado a 1.835 veciños de entre 30 e 60 anos de idade e que quedará completado na xornada de mañá.

“Meaño ten unha vintena de casos detectados nas dúas últimas semanas e unha incidencia de 375 casos por cada 100.000 habitantes, polo que, malia a situación de descenso que estamos a vivir, facíase preciso facer un cribado para seguir controlando ao máximo a situación”, explicou Luis López, que engadiu que estas probas continuarán, dende mañá, no Concello de Marín, onde están convocados preto de 13.000 cidadáns de entre 30 e 65 anos ao longo de toda a semana.

“Levamos varios meses de gran esforzo e, malia atoparnos na fase de desescalada da terceira vaga, hai que seguir tendo moita responsabilidade, polo que a Xunta de Galicia vai seguir coa súa liña de intenso traballo e preocupación pola saúde dos galegos, polo que non imos desfalecer ata vencer por completo ao virus”, concluiu.

Imaxes relacionadas