Preto de 4000 rapaces de dez centros de ensino comenzan o reto de falar en galego da man de '21 Días co Galego e +'

Como novidade, esta iniciativa de dinamización lingüística da Xunta para impulsar o uso do galego entre os máis novos amplíase como experiencia piloto á etapa de Primaria

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na videorreunión de apertura desta terceira edición do programa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2021

Cos obxectivos de que a xente nova fale máis galego e perfeccione o seu uso tanto dentro como fóra das aulas, a Xunta de Galicia pon en marcha desde hoxe a terceira edición do programa de dinamización lingüística 21 Días co Galego e +, que conta coa participación dun total de 3738 persoas (alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos) de dez centros.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na videorreunión de apertura do programa xunto cos centros educativos, e aproveitou para agradecer “o esforzo do profesorado, especialmente dos equipos de dinamización da lingua galega, e da comunidade educativa en xeral”, xa que “aínda que o alumnado é o protagonista, o profesorado, as ANPAS e as familias ou o persoal de administración e servizos dos centros educativos participantes son determinantes para o éxito da actividade”.

Lingua e mocidade

O representante autonómico quixo incidir na importancia “desta oportunidade para visibilizar a lingua entre a mocidade e animala a que incorpore o idioma aos seus usos lingüísticos, a través de actividades lúdicas e orixinais, e tamén nas súas relacións persoais e no emprego das tecnoloxías”. Tamén participaron na apertura o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e os coordinadores da iniciativa, Pilar Ponte e Roxelio García.

Entre as novidades, e na súa aposta por medrar dinamizando, o programa esténdese de maneira piloto á etapa de Primaria no CPR A Inmaculada de Lugo coa participación de alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º desta etapa. Ademais de incluír alumnado desde os 8 anos neste centro de Lugo, súmanse tamén á iniciativa os IES coruñeses As Mariñas (Betanzos), Carral e Lamas de Abade (Santiago de Compostela); o Perdouro (Burela); os ourensáns Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras) e Taboada Chivite (Verín); e os pontevedreses Ramón Cabanillas (Cambados), Sánchez Cantón e Santa Irene (Vigo).

Ademais, incorpora tres importantes colaboracións externas: a do programa Galicia por Diante da Radio Galega, que terá unha sección diaria ao longo do seu desenvolvemento na que os centros lle contarán á audiencia os temas que abordaron e como está a ser a súa participación; a do programa #DígochoEu! da TVG, con encontros entre o equipo audiovisual e os dez centros educativos participantes e tamén coa realización de vídeos propios do formato deste espazo de grande éxito entre a mocidade; e a do Foro Peinador, que achegará o eido da empresa en galego aos centros educativos para poñer en valor a importancia do mundo laboral no desenvolvemento cultural da sociedade. Todo isto poderase seguir desde o blog 21 Días co Galego e + e tamén desde o Portal da Lingua Galega.

21 Días co Galego e + é unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que ten a súa orixe en 21 Días co galego, unha experiencia que, baseada nos 21 días que se consideran necesarios na adquisición dun hábito, se desenvolveu no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte e que, desde o curso 2018-2019, a Xunta asumiu como propio para facelo extensivo a outros centros galegos. A iniciativa recibiu os premios Rosalía de Castro de Lingua 2019 da Deputación da Coruña e da Cultura Galega 2019 da Xunta na modalidade de Lingua.

Toda a actividade na rede

O soporte central da iniciativa é o blog 21 Días co galego e +, onde se mostrarán desde hoxe as creacións dos participantes, que deberán seguir e actualizar cada día os centros para recibir contidos. Neste web poderán consultar o reto que deberán superar en grupo unha vez á semana ou as gravacións individuais que deberán realizar as rapazas e rapaces para deixar constancia das súas reflexións sociolingüísticas sobre a experiencia. Así mesmo, estarán dispoñibles no blog as presentacións dos participantes e as creacións realizadas sobre contidos elixidos por eles, e as fins de semana as familias tamén recibirán propostas de retos para realizar colectivamente coas fillas e os fillos, entre outros contidos.

21 Días co galego e + está centrado no fomento da lingua oral mediante a asociación do galego coa modernidade, coas TIC e coas redes sociais, emprega unha metodoloxía baseada na aprendizaxe por proxectos e no traballo cooperativo. Co obxectivo de facer máis atractivas as actividades propostas, introduce elementos de gamificación que poden ir desde os xogos máis tradicionais a experiencias innovadoras, entre elas tarefas colectivas como os retos.

A intención é chegar mediante a dinamización lingüística a toda a sociedade, non só á comunidade educativa de cada centro senón tamén ás persoas que entran no seu raio de acción directo e a todas aquelas ás que se pode chegar hoxe en día a través da rede mediante a presenza en webs redes sociais.

Imaxes relacionadas