Luis López anima ao emprendemento no ámbito da conciliación rural coas axudas da Consellería de Política Social na súa visita á casa niño da Lama

A Xunta abre a sexta convocatoria para estas instalacións infantís con 1,6 M€ e unhas achegas de 15.000€ para obras do inmoble e equipamentos e 19.600€ anuais para o seu funcionamento, xa que son gratuítas para as familias

O delegado territorial sinala que a provincia conta con cinco casas niño e agarda que se incremente a oferta “para seguir ofrecendo servizos de calidade na área de conciliación, xa que forman aos cativos e permiten traballar aos pais e nais”

A casa niño da Lama, dirixida por María Canda, foi a primeira da provincia, xa que arrancou a súa actividade en 2017, e atende na actualidade a cinco cativos cun horario de 7.30 a 15.30 horas

A Lama, (Pontevedra) 22 de febreiro de 2021

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá a casa niño da Lama, a primeira que entrou en funcionamento na provincia, e animou ao emprendemento no ámbito da conciliación no rural ao abeiro da nova convocatoria de axudas que vén de ser aprobada polo Consello da Xunta o pasado xoves.

“Temos cinco casas niño na provincia, das 78 que hai en Galicia, e agardamos que se incremente a oferta coa nova liña de axudas, a sexta dende que se iniciou en 2016, xa que deste xeito crearase emprego en zonas rurais e do interior e seguiremos aumentando a oferta de servizos de calidade nestes concellos, neste caso na área de conciliación”, sinalou o representante autonómico.

Luis López explicou que o formato de casas niño “é unha gran solución para territorios rurais e con pouca poboación que, polas súas características, non teñen suficiente demanda para dispor dunha escola infantil, pero si poden ofrecer deste xeito un servizo fundamental para formar e atender aos cativos nos seus primeiros anos de vida, favorecendo ademais a súa interacción social e apertura ao mundo, e permitir ao mesmo tempo que traballen os seus pais e nais”.

Vinte novos centros

A nova convocatoria das casas niño, que se abrirá proximamente tras a súa recente aprobación por parte do goberno galego, está dotada con 1,6 millóns de euros e aspira a abrir vinte máis ata roldar o cento delas en toda a comunidade. Os aspirantes recibirán unha achega inicial de 15.000€ para obras de adecuación do inmoble e, posteriormente, un pago de 19.600€ anuais polo funcionamento, xa que o servizo é completamente gratuíto para as familias.

O delegado, que visitou a casa niño da Lama na compaña da xefa territorial de Política Social, María José Pérez-Izaguirre, e do alcalde, Jorge Canda, louvou o seu bo funcionamento dende a súa apertura a comezos de 2017, “xa que traballa de xeito cercano e cun servizo de gran calidade e sen masificación para os cativos de ata 3 anos deste concello”. A instalación, que está dirixida por María Canda Falcón, atende na actualidade a cinco nenos cun horario de 7.30 a 15.30 horas e recibiu da Xunta, nos seus primeiros catro anos de existencia, unhas axudas de 95.300€ para obras, equipamentos, materiais didácticos e de xogo e gastos de funcionamento.

En total, a Consellería de Política Social investiu 314.000€ dende o exercicio 2016 na adecuación de inmobles, posta en marcha e mantemento anual das casas niño da Lama, Dozón, Pazos de Borbén I, Pazos de Borbén II e Fornelos de Montes, que son as cinco existentes na provincia de Pontevedra.

Imaxes relacionadas