Luis López garante que Sanidade vacinará fronte a covid-19 aos 22.000 maiores de 80 anos da área sanitaria de Pontevedra con inoculacións a domicilio cando teñan problemas de mobilidade

O delegado territorial da Xunta cre que o sistema artellado, con 15 puntos de vacinación nas cabeceiras comarcais, é o máis axeitado por operatividade, loxística, axilidade e para asegurar a conservación das doses

O representante autonómico, que acudiu ao inicio desta quenda no centro de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra, estima a conclusión da inmunización dos maiores de 80 anos nunhas dez semanas para quedar rematada a comezos de maio

Reclama que o Goberno central “trate con xustiza” a Galicia e entregue o 8% das doses, fronte ao pouco máis do 5% actual, “xa que temos o 8% dos maiores de 80 anos de España, que foi o grupo elixido para esta fase polo Consello Interterritorial”

Pontevedra, 22 de febreiro de 2021

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, asistiu esta mañá ao comezo da nova fase de vacinación fronte á covid-19 -orientada aos maiores de 80 anos- na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e garantiu que Sanidade vai inmunizar aos 22.000 cidadáns deste grupo, sempre que o desexen, chegando a artellar inoculacións a domicilio se fose necesario debido ás patoloxías do cidadán ou no centro de saúde máis próximo ao seu fogar naqueles casos nos que haxa dificultades de desprazamento ás cabeceiras comarcais ou problemas de mobilidade.

O representante autonómico, que se achegou ata o centro de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra co xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, e a xefa de Atención Primaria, Coro Sánchez, cre que o sistema artellado, con 15 puntos de vacinación noutros tantos centros de saúde, “é o máis axeitado por operatividade, loxística, para gañar en axilidade e para asegurar as condicións de conservación das doses”.

Tras destacar que a Xunta fará o maior despregue para este proceso de toda España co obxectivo de afrontar a dispersión propia de Galicia, Luis López explicou que esta quenda de inmunización completarase en dez semanas, incluíndo a administración da segunda dose, polo que rematará entre finais de abril e comezos de maio. “Poderiamos acometelo con moitísima maior rapidez, xa que o Sergas e o seu persoal teñen capacidade para subministrar milleiros de doses ao dia, pero polo momento temos que limitarnos ás vacinas que nos entrega o Goberno de España, que son claramente insuficientes”, manifestou.

Neste senso, reclamou ao executivo central que “trate con xustiza” a Galicia e comece a entregar o 8% das vacinas que consiga no canto das pouco máis do 5% que remite na actualidade, “xa que o Consello Interterritorial determinou que nesta fase debía inmunizarse á poboación maior de 80 anos e a nosa comunidade ten o 8% deste colectivo, polo temos un déficit de case o 3% que non sabemos a que razón obedece”. “Defendemos que haxa un reparto equitativo e tamén os intereses xerais dos galegos e o Goberno de España non está facendo ningunha das dúas cousas, polo que temos a obriga de denuncialo publicamente”, lamentou o delegado territorial.

Finalmente, o representante autonómico fixo un chamamento á cidadanía para que acepte a vacina, “xa que son completamente seguras e presentan un alto grao de efectividade, polo que son o mellor xeito de deixar atrás esta triste pandemia canto antes”. Ademais, pediu tranquilidade, xa que a Xunta ten establecido un protocolo “para inmunizar a todo o mundo, coa maior celeridade que nos permite a cifra de vacinas que se nos facilitan, e por iso solicito que se siga a actuar con responsabilidade, que se agarde á cita correspondente e que se fagan chegar posibles incidencias ou problemas para acceder aos centros de vacinación porque a Xunta resolveraos axeitadamente e con axilidade”.

Para esta quenda de inoculacións aos maiores de 80 anos, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés estableceu os seguintes puntos de vacinación:

Punto de vacinación
Concello

Centros de saúde adscritos a este punto

Virxe Peregrina
Pontevedra
Ponte Sampaio
A Parda
Pontevedra
-
Lérez
Pontevedra
Monteporreiro, Barro e Campo Lameiro
Caldas de Reis
Caldas
Cuntis, Portas e Moraña
San Roque
Vilagarcía
Vilaxoán e Catoira
Vilanova de Arousa
Vilanova
Baión
Cambados
Cambados
A Illa de Arousa, Ribadumia e Meis (3)
Bueu
Bueu
-
O Grove
O Grove
-
Baltar
Sanxenxo
Vilalonga, Dena e Meaño
Marín
Marín
Seixo
Anafáns
Poio
Combarro e Raxó
Vilaboa
Vilaboa
Arcade e Romariz
Ponte Caldelas
Ponte Caldelas
A Lama
Cerdedo
Cerdedo-Cotobade
Tenorio, Carballedo, Forcarei e Soutelo

 


 

Imaxes relacionadas