A Tarxeta Básica, impulsada pola Xunta, leva beneficiado a 35.200 galegas e galegos desde a súa posta en marcha

O Goberno galego leva investidos 13,8 millóns de euros

Ampliouse esta axuda ata xuño do ano 2021, cunha vixencia máxima de nove meses por tarxeta

O seu importe oscila entre os 150 e os 300 euros ao mes, dependendo do número de membros da unidade familiar

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2021

A Tarxeta Básica, posta en marcha pola Xunta o pasado mes de xullo para atender ás persoas máis vulnerables fronte aos efectos socioeconómicos da crise sanitaria da covid-19, leva beneficiado a 35.200 galegas e galegos. Isto significa que se teñen emitido un total de 20.800 tarxetas, nas que o Goberno galego investiu un total de 13,8 millóns de euros.

A Xunta ampliou a Tarxeta Básica ata xuño do ano 2021, cunha vixencia máxima de nove meses por tarxeta. O importe desta axuda depende do número de membros da unidade familiar. No caso dos fogares unipersoais a axuda é de 150 euros mensuais, para os fogares con dous membros é de 200 e para as familias con tres membros ou máis a axuda chega aos 300 euros mensuais.

O maior número de beneficiarios atópase nas sete cidades galegas. Na Coruña téñense emitido preto de 2.900 tarxetas, en Ourense 1.400, en Vigo 1.200, en Santiago 1.100, en Lugo 1.000, en Ferrol 750 e en Pontevedra preto de 600.

Axuda áxil, que non estigmatiza

Trátase dunha actuación pioneira que busca dar unha resposta áxil e urxente ás familias, xa que o seu período máximo de tramitación é de 72 horas desde que se solicita. O seu obxectivo é prestar apoio na compra de produtos básicos de alimentación, hixiene e farmacia.

Por outro lado, esta tarxeta representa unha actuación coordinada ao implicar na súa xestión á Xunta, aos servizos sociais municipais e ás entidades sociais como Cruz Vermella, encargada da súa tramitación. Ademais, non estigmatiza xa que ao ter forma de tarxeta de crédito que se recarga mes a mes, os seus usuarios non teñen que facer colas nin acudir a un establecemento específico para obter os produtos.

Imaxes relacionadas