O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou na localidade madrileña de Xetafe a sede do Grupo CPS

Conde destaca que o interese do Grupo CPS por participar no Polo Aeroespacial de Galicia evidencia o recoñecemento que o propio sector está facendo á iniciativa

A firma presentou dez propostas á consulta preliminar lanzada ao mercado pola Xunta, que traballa na definición do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025

Integrado por sete empresas tecnolóxicas españolas de enxeñaría e I+D+i, está a realizar unha importante aposta estratéxica na industria aeroespacial e, concretamente, no ámbito dos vehículos aéreos non tripulados

CPS xa conta en Galicia con 130 traballadores repartidos entre unha oficina técnica en Santiago de Compostela, un centro de I+D no Porto do Molle (Nigrán) e un almacén en Verín

Tamén desenvolve proxectos coa Universidade de Vigo e con outras empresas galegas do sector

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou na localidade madrileña de Xetafe a sede do Grupo CPS, que está interesado en participar no Polo Aeroespacial de Galicia e que xa presentou propostas á consulta preliminar lanzada ao mercado pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación (Gain).

Conde explicou que o interese mostrado polo Grupo CPS demostra a progresión que está a ter o Polo Aeroespacial, así como o recoñecemento que sobre esta iniciativa fai o propio sector, converténdose nun referente para esta industria. O Grupo CPS, integrado por sete empresas tecnolóxicas españolas de enxeñaría e I+D+i, está a realizar unha importante aposta estratéxica no sector aeroespacial e, concretamente, no ámbito dos vehículos aéreos non tripulados, con máis de 30 millóns de euros de investimento. Ten vinculación directa con Galicia, xa que conta cunha oficina técnica en Santiago de Compostela, un centro de I+D no Porto do Molle (Nigrán) e un almacén en Verín. O seu cadro de persoal confórmano un total de 1200 traballadores, dos que arredor de 130 están en Galicia.

A Administración autonómica segue traballando no desenvolvemento do novo período 2021-2025 do Polo Aeroespacial de Galicia. Na consulta preliminar ao mercado que lanzou a Xunta o pasado verán a través da Axencia Galega de Innovación, CPS presentou dez propostas no ámbito dos sistemas e a instrumentación, as plataformas, solucións para o sector público, infraestruturas e investimentos industriais. Entre outras iniciativas, destacan por exemplo un sistema para a asistencia en operacións de busca e rescate marítimo, un proxecto para a identificación de vehículos e control de velocidade, ou un sistema de comunicacións de alta velocidade vía satélite en drons para o intercambio de información en tempo real entre o vehículo aéreo non tripulado e o seu centro de control.

O Grupo CPS vén desenvolvendo tamén proxectos de I+D coa Universidade de Vigo e con outras empresas galegas do sector. Ofrece un conxunto de solucións a medida que unen a versatilidade das plataformas para a pilotaxe en remoto de aeronaves coa súa experiencia integrando tecnoloxías de analítica de datos, como a intelixencia, o big data ou as comunicacións por satélite en movemento.

Imaxes relacionadas