As primeiras Directrices da Paisaxe de Galicia entran esta fin de semana en vigor e sitúan á rexión á vangarda nesta materia

Esta nova normativa recolle normas e consideracións que deberán ser integradas en todas as iniciativas que se promovan co fin de protexer os valores paisaxísticos da Comunidade galega

O contido das Directrices terá carácter obrigatorio para os novos instrumentos de planificación sectorial e urbanística, así como unha serie de recomendacións; pero non suporá custo ou desembolso económico por parte do cidadán
 

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2021

As primeiras Directrices da Paisaxe de Galicia entran en vigor esta fin de semana, polo que Galicia sitúase como unha das rexións referente e á vangarda en materia de paisaxe.

As Directrices da Paisaxe son un documento que guiará e dota á comunidade galega dunha ferramenta coa que protexer, xestionar e conservar a paisaxe, coa que afianzar a súa actual posición entre as comunidades máis avanzadas en materia paisaxística.

No documento recóllense as normas e directrices que deberán integrarse na totalidade de iniciativas que se promovan no territorio galego, coa finalidade de preserva e coidar os valores paisaxísticos. En definitiva, búscase compatibilizar a protección e mellora da paisaxe co desenvolvemento económico de Galicia.

Inclúen unha serie de normas que serán obrigatorias para os instrumentos de planificación sectorial e urbanística, así como para as estratexias rexionais e locais; e por outra, un listado de recomendacións que serán orientativas e suxiren limitacións ou condicións de carácter xenérico.

As novas Directrices da Paisaxe de Galicia, en todo caso, deberán integrarse en calquera plan, programa ou proxecto que se leve a cabo no territorio da comunidade, que, polo tanto, deberán ter en conta os valores paisaxísticos en todas as súas fases, respectando o carácter diferenciado das grandes áreas paisaxísticas e dos diferentes tipos de paisaxes.

En todo caso, as Directrices non suporán nin implicarán un custe ou desembolso directo por parte do cidadán, que si verá como os proxectos e iniciativa que se desenvolvan na súa contorna engaden valor paisaxístico. A modo de exemplo, coa entrada en vigor das Directrices, as infraestruturas enerxéticas (os tendidos e redes) deberán ser subterráneas no caso dos novos desenvolvementos urbanísticos. A nivel sectorial, cando un proxecto de alta tensión atravese unha Área de Especial Interese Paisaxística (AEIP) calculará a cunca visual desde todas as alternativas de trazado.

Así mesmo, nas AEIP só se permitirá a apertura dunha canteira ou mina se é rigorosamente xustificada e non ten impacto e deberanse establecer limitacións respecto das plantacións de eucaliptos, establecendo como norma a promoción de medidas para substituír masas de eucaliptais e primar as autóctonas, ao tempo que se recomenda favorecer a expansión de bosques de frondosas autóctonas.

Preservar as paisaxes galegas é unha das prioridades, polo que para reducir os impactos das infraestruturas e vías de comunicación incluiranse condicións e criterios de integración e recomendacións para un tratamento axeitado do valor das vistas panorámicas desde as vías de comunicación ou no caso das pontes de máis de 50 metros de lonxitude requirirán dun informe do organismo competente en materia de paisaxe.

Tamén se fixa como norma a obrigatoriedade de retirar os carteis, paneis e demais sinalización de obras ou actuacións públicas rematado o prazo de permanencia que determinen os compromisos adquiridos no seu financiamento; así como empregar especies vexetais autóctonas para revexetar elementos viarios, como medianas, rotondas ou noiros.

En canto á xestión dos espazos naturais protexidos, como norma darase prioridade á rexeneración das zonas que sufran impactos paisaxísticos como incendios, verteduras ou similares e nos plans e instrumentos de ordenación forestal se fixarán medidas para a eliminación e prevención das especies vexetais invasoras.

En relación con posibles actuacións no Camiño de Santiago, as directrices indican tamén que dentro das zonas visibles e a menos de 500 metros deste, seguindo o criterio que se establece na Lei de Patrimonio Cultural, os cambios de actividades agroforestais requirirán de xustificación mediante unha análise de visibilidade baseada no cálculo da cunca visual.

Galicia avanza un chanzo máis no camiño iniciado polo actual Goberno da Xunta hai máis dunha década para protexer a paisaxe. Así, nestes dez anos deseñáronse leis, plans e medidas como o Catálogo das Paisaxes, as Guías da Paisaxe galega e o regulamento da Lei da paisaxe ou os primeiros Pactos pola paisaxe; así como o establecemento de axudas para corrixir o impacto do feísmo e as consecuencias paisaxísticas das construcións e vivendas da Comunidade. Trátase dunha nova orde cun crédito inicial dun millón de euros, coas que poder atender a máis de 300 solicitudes de particulares na súa primeira convocatoria.

En definitiva, as Directrices pretenden compatibilizar a protección e mellora da paisaxe, como elemento que identifica e define a unha sociedade, co desenvolvemento económico de Galicia, para o que establece unha serie de normas e de recomendacións xenéricas.
 

Imaxes relacionadas