A Xunta analiza coa Federación de Confrarías de Pescadores da Coruña os apoios á disposición do sector marítimo-pesqueiro

A Coruña, 19 de febreiro de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuníronse hoxe por videoconferencia con representantes da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores da Coruña para analizar as vías de apoio e colaboración que a Administración galega ten con estas entidades de representación do sector marítimo-pesqueiro co obxectivo de sacar o máximo rendemento delas. Esta xuntanza enmárcase no seguimento que realiza o Executivo galego co sector para analizar as súas necesidades, resolver dúbidas relacionadas coa actividade e sumar sinerxías co fin de defender os intereses e a realidade do mar de Galicia ante as distintas institucións españolas e europeas e ante o actual contexto marcado pola crise da covid-19.

Un exemplo de vía de apoio da Xunta coas catro federacións de confrarías de pescadores de Galicia, entre elas a da Coruña que agrupa a 35 confrarías da provincia, son os convenios para facer fronte a gastos derivados da súa actividade e á implantación de melloras para optimizar o seu labor. Tamén a colaboración para o desenvolvemento de accións que melloren a competitividade da actividade marítimo-pesqueira, por exemplo de mellora da tecnoloxía e a administración electrónica. A isto súmanse as distintas convocatorias de axudas enmarcadas no Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.
 

Imaxes relacionadas