A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a Autoridade Portuaria da Coruña

A Xunta manifesta vontade total para acadar un gran acordo que impulse a competitividade do porto da Coruña

Reafirma o seu compromiso e disposición co fin de avanzar en cuestións esenciais como a conexión ferroviaria ao porto exterior de Punta Langosteira e a súa situación financeira

Demanda ao Goberno central a licitación do enlace ferroviario a Punta Langosteira antes do mes de xuño, que é cando caduca a declaración de impacto ambiental da obra

En relación á débeda do porto, lembra que hai supostos doutras entidades portuarias mediterráneas ás que se lles condonou, polo que manter esta situación supón un agravio comparativo, especialmente tendo en conta o fundamento polo que se contraeu a débeda

Apoia a creación dunha delegación especial do Consello de Administración da Autoridade Portuaria para avanzar na fórmula e o deseño da transformación dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo

Recoñece o labor da Autoridade Portuaria para captar tráficos e investimentos industriais no porto exterior onde é clave a oportunidade de financiamento que supoñen os fondos europeos como os ‘Next Generation’

A Coruña, 19 de febreiro de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a Autoridade Portuaria da Coruña onde debateu co seu presidente Martín Fernández Prado sobre os retos máis inmediatos do porto da Coruña. Neste encontro, no que tamén estivo a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, a Xunta manifestou unha vez máis a súa total disposición para avanzar no futuro da entidade portuaria coruñesa en asuntos esenciais como a conexión ferroviaria ao porto exterior de Punta Langosteira e a súa situación financeira.

Estas son dúas das cuestións esenciais que o Executivo galego recolle por escrito no documento que propón como base de traballo para a reunión que terá lugar o vindeiro 23 de febreiro para abordar con todas as administracións implicadas o futuro das infraestruturas portuarias da cidade. O obxectivo da Xunta é chegar a esa xuntanza cunha proposta común de defensa do porto e da cidade.

En relación ao enlace ferroviario a Punta Langosteira, o Goberno galego demanda ao Executivo central a súa licitación antes do mes de xuño, que é cando caduca a declaración de impacto ambiental da obra. Trátase dunha obra sumamente necesaria, pois está en xogo a competitividade do porto durante os próximos cinco anos, sinalou a conselleira do Mar.

No que se refire á situación financeira e á integración do porto interior coa cidade, Rosa Quintana lembrou o compromiso que manifestou a Xunta no 2018 de aportar unha achega do orzamento autonómico e que foi reiterado hai uns días polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na reunión mantida co presidente da Autoridade Portuaria.

En relación á débeda contraída pola Autoridade Portuaria con Portos do Estado por Punta Langosteira, a Xunta lembra que hai supostos doutras entidades portuarias mediterráneas aos que se lles condonou a débeda, polo que manter esta situación supón un agravio comparativo, máxime tendo en conta tamén que a débeda non foi creada polo porto, senón por unha decisión do Goberno central e cuxo fundamento dista de forma importante do que motivou o das entidades portuarias beneficiadas por esta medida.

Outro dos puntos que apoia o Executivo galego é a creación dunha delegación especial do Consello de Administración da Autoridade Portuaria para avanzar na fórmula e o deseño da transformación dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo. En relación a estes peiraos e ao de San Diego a Xunta destaca o compromiso do porto de poñelos a disposición da cidade.

Tráficos e captación de fondos

Outro dos asuntos tratados hoxe entre a conselleira do Mar e o presidente da Autoridade Portuaria é a actividade actual do porto, que no mes de xaneiro rexistrou un movemento de mercadorías de máis dun millón de toneladas, o que supón unha suba do 12% en relación ao mesmo período de 2020. Trátase do primeiro saldo positivo despois de oito meses dentro do contexto marcado polas restricións da pandemia do coronavirus.

Nesta liña, a titular de Mar destacou o valor do movemento de tráficos para dinamizar a actividade portuaria e a economía da Coruña e de Galicia e recoñeceu o labor da Autoridade Portuaria para captar tráficos e investimentos industriais para o porto exterior da Coruña. Para iso, expuxo Rosa Quintana, é clave aproveitar a oportunidade de financiamento que supoñen os fondos europeos como os de recuperación Next Generation.

Imaxes relacionadas