Medio Rural forma ao Seprona en Galicia para facilitar o seu labor de inspección dos aproveitamentos forestais

Na xornada telemática -organizada pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal- participaron un total de 35 responsables do Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil nas diferentes comarcas galegas

Tratáronse os visores de interese en materia de aproveitamentos forestais, así como as ferramentas dispoñibles para a consulta destes datos, algunha delas deseñada especificamente para as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado
 

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, levou a cabo unha xornada formativa por vía telemática para facilitarlle ao Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil establecido en Galicia o seu labor de inspección dos aproveitamentos forestais. A iniciativa -na que participaron 35 persoas responsables do Seprona nas diferentes comarcas- centrouse en abordar os visores de interese na materia, así como as ferramentas dispoñibles para a consulta destes datos, algunha delas deseñada especificamente para as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

En concreto, a aplicación CORWEB-FCSE foi concibida para simplificar as tarefas de inspección dos aproveitamentos forestais que desenvolven, entre outros, os integrantes do Seprona. Así, este instrumento permítelles consultar en tempo real se un aproveitamento forestal dispón da autorización necesaria ou se ten presentada unha declaración responsable, así como os datos completos relacionados (especies, número de pés, etc.).

En relación aos visores, na xornada telemática tratouse o visor de aproveitamentos forestais (https://mapas.xunta.gal/visores/aproveitamentos/), especificando a información que contén e a lexislación aplicable sobre as afeccións sectoriais (augas, patrimonio, medio ambiente...) que poden existir nunha parcela. Así mesmo, explicáronse outros visores de interese e o seu funcionamento.

A maiores, os participantes tiveron acceso á información dispoñible no Observatorio Forestal implementado por Medio Rural, que amosa unha serie histórica cos aproveitamentos de madeira efectuados en Galicia para entender a importancia do monte na nosa comunidade e para comprender as tendencias que se están desenvolvendo nel.

Por último, abordouse o manexo da Sede Electrónica da Xunta de Galicia, xa que para acceder á aplicación CORWEB-FCSE -desde a oficina ou mediante dispositivos móbiles- é preciso identificarse cun certificado dixital ou Chave365.