Medio Ambiente destinará este ano case 3 millóns de euros a axudas para a promoción do parque de vivendas en alugueiro

Ángeles Vázquez inaugura unha xornada ‘online’ para dar a coñecer o Pacto Social pola Vivenda entre o colectivo de construtores e de promotores, aos que agradece a súa participación na redacción do primeiro plan consensuado con todo o sector

Lembra que este documento marcará a folla de ruta das políticas da Xunta en materia residencial durante os próximos cinco anos, co obxectivo de chegar a máis de 70.000 familias galegas a través de case medio cento de medidas e axudas

O IGVS convocará unha nova orde de subvencións dirixida a promotores para construír e rehabilitar inmobles destinados a aluguer, un programa que desde 2019 xa permitiu poñer no mercado case 100 vivendas en Sarria, Ribadeo e A Coruña

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sacará este ano unha nova convocatoria de axudas para a promoción do parque de vivendas en aluguer dirixidas a promotores, concellos e cooperativas e cunha dotación estimada en 2,8 millóns de euros. Así o avanzou esta mañá a conselleira Ángeles Vázquez na inauguración dunha das xornadas online para analizar e dar a coñecer o Pacto Social pola Vivenda 2021-2025, asinado a finais de xaneiro entre a Xunta e as principais entidades e institucións con implicación no sector.

O encontro estaba dirixido nesta ocasión aos construtores e promotores inmobiliarios, dous dos colectivos que subscribiron o devandito acordo e colaboraron na súa elaboración, tal e como lembrou a conselleira. “Grazas a vós o Pacto Social pola Vivenda é o primeiro plan de vivenda elaborado co consenso de todo o sector, ademais de contar co apoio dos consumidores e dos concellos”, subliñou durante a súa intervención no webinar.

A través desta folla de ruta en materia residencial, a Xunta aspira a mobilizar máis de 1.080 millóns de euros entre fondos públicos e privados nos próximos cinco anos, o que contribuirá á reactivación económica e á xeración ou mantemento duns 30.000 postos de traballo.

Ademais, o Pacto inclúe preto de medio cento de medidas, iniciativas e axudas organizadas arredor de catro liñas estratéxicas (facilitar o acceso á vivenda en propiedade, fomento da rehabilitación, mobilización de solo residencial e apoio ao alugueiro) coas que se aspira a chegar a máis de 70.000 familias galegas.

72 millóns en 2021para políticas en materia residencial

Para o ano 2021, Ángeles Vázquez explicou que a Xunta destinará máis de 72 millóns na implementación de medidas para facilitar o acceso á vivenda (28 M€), actuacións de rehabilitación e renovación urbanas (36 M€) e tamén en solo residencial (8,3 M€), tanto en actuacións directas como en axudas a particulares, concellos e promotores de vivenda.

Entre as diversas accións incluídas no Pacto Social pola Vivenda que repercutirán directa ou indirectamente no sector construtivo e da promoción inmobiliaria, a responsable de Medio Ambiente referiuse concretamente á próxima convocatoria de axudas á promoción do parque de vivendas en alugueiro, dirixidas a promotores, concellos e cooperativas.

Tras lembrar que esta axuda se puxo en marcha no ano 2019, Vázquez Mejuto asegurou que ao abeiro deste programa xa se financiou a construción e rehabilitación de preto de 100 vivendas en Sarria, Ribadeo e A Coruña, tres promocións coas que ademais de poñer a disposición dos galegos máis vivenda a prezos de alugueiro vantaxosos, tamén se contribuíu a dinamizar e impulsar o sector da construción e, por tanto, o emprego.

Do mesmo xeito, a conselleira referiuse tamén a dúas ordes de axudas xa convocadas en 2021: a liña de subvencións para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios xa existentes dirixidas a particulares e comunidades de propietarios (dotada con 8,5 millóns de euros para este exercicio) e as axudas para mozos menores de 35 anos para adquisición de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes (cun orzamento de 800.000 euros).

Ambos programas, segundo explicou, terán beneficios previsibles para os dous colectivos profesionais aos que ía dirixida a webinar desta mañá, xa que grazas ás axudas que se concedan crearanse novas necesidades de man de obra no eido da rehabilitación e mellora de edificios residenciais e vivendas.

En definitiva, o conxunto das axudas e medidas incluídas nos 72 millóns de euros que a Xunta destinará en 2021 a actuacións de rehabilitación, solo residencial e a facilitar o acceso á vivenda terán un “impacto positivo” para todo o sector polo que a conselleira amosouse convencida de que contribuirán de forma clave a impulsar a reactivación económica e social de Galicia.

Imaxes relacionadas