A Xunta responde ás solicitudes da Anpa do CEIP Xoán de Requeixo de Chantada e adapta por segunda vez os horarios de todas as liñas de autobús

O delegado territorial, Javier Arias, destaca a rápida resposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade que axustou as rutas deses seis transportes para fixar a saída, ás 15.30 horas

O novo horario de transporte nas viaxes de volta dos alumnos entrará en funcionamento o luns, día 22
 

Lugo, 19 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia atendeu unha vez máis as peticións de pais e docentes do CEIP Xoán de Requeixo de Chantada, para adaptar os horarios de saída dos autobuses que realizan o transporte escolar desde este centro. Deste xeito, seis dos oito autobuses que recollen aos alumnos á saída do comedor terán fixada a saída ás 15.30 horas, mentres que os outros dous autobuses manteñen a saída ás 15.15 horas.

A Xunta responde así á solicitude da ANPA que o pasado día 12 de febreiro pediu o adianto das saídas dos autobuses que realizan esta ruta, e non só das dúas liñas que se cambiaron nun principio a petición da dirección do centro.

O novo horario de saída do transporte para os alumnos do colexio chantadino entrará en funcionamento o vindeiro luns, día 22. Agora informarase aos pais e nais dos alumnos do centro dos novos horarios, que ademais permitirán facer unha saída gradual dos escolares . Con esa adaptación adiántase a saída en 30 ou 45 minutos, dependendo do autobús.

Hai apenas dez días, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade fixo unha primeira adaptación despois de ter coñecemento das peticións da dirección do centro, que solicitaba o adianto do horario de dúas liñas de autobuses que parten do CEIP Xoán Requeixo.

Porén, despois desta variación, a ANPA solicitou o adianto de todas as saídas para os oito autobuses que realizan o transporte escolar desde este centro.

De novo, a resposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade foi practicamente inmediata, adaptando o máximo posible os horarios das rutas ás novas demandas dos pais e nais dos alumnos do Xoán de Requeixo.