A Xunta amplía a alerta laranxa vixente por vento á Mariña de Lugo xunto ás provincias da Coruña e Pontevedra onde tamén está activada alerta laranxa por temporal costeiro

Están suspendidas as actividades no exterior nos centros educativos do oeste e suroeste da Coruña, en toda a provincia de Pontevedra, na Mariña de Lugo e na montaña de Ourense

Espéranse refachos que que poden acadar os 100 quilómetros por hora

Está tamén activada no litoral da Coruña e Pontevedra unha alerta laranxa por ventos do sur de forza 8 e mar combinada do oeste e do suroeste con ondas de ata 6 metros
 

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2021

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de ampliar a alerta laranxa por vento na mariña lucense, que se suma ás provincias da Coruña e Pontevedra, que tamén teñen activada unha alerta laranxa por temporal costeiro.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), espéranse ventos do sur e do suroeste que poden acadar os 100 quilómetros por hora e que afectarán a partir de mañá á mariña lucense e ás provincias de A Coruña, Pontevedra a partir deste mediodía. A Aemet tamén alerta dun fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa no litoral da Coruña e Pontevedra. Agárdanse ventos do sur de forza 8, que no oeste da Coruña poden chegar a forza 9, ademais de mar combinada do oeste e do suroeste con ondas de entre 5 e 6 metros, que temporalmente poden aumentar a 7 metros.

Suspensión das actividades no exterior

A Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender mañá as actividades no exterior dos centros educativos das zonas de predición meteorolóxica da totalidade do oeste e suroeste da Coruña, a partir das 12,00 horas, e de toda a provincia de Pontevedra, a Mariña lucense e a Montaña de Ourense desde ás 18,00 horas, por unha alerta laranxa por refachos de vento superiores aos 100 quilómetros por hora.

A dirección dos centros farán seguimento da situación e poderán adoptar as decisións oportunas respecto da suspensión das actividades extraescolares no caso de que as circunstancias supuxesen un risco superior.

A listaxe de concellos incluídos en cada zona climática pode consultarse na páxina web de Meteogalicia (http://www.meteogalicia.gal/datosred/infoweb/meteo/docs/adversos/DefinicionZonasAdversos_gl.pdf ).

Recomendacións

A Xunta recorda á poboación a importancia de retirar os obxectos que poidan caer á rúa dende os tellados, balcóns e fiestras e evitar pasar preto de edificios en ruínas, en construción, árbores, paneis publicitarios e obxectos susceptibles de desprazarse co vento.

Debido ao temporal costeiro, lémbrase a importancia de permanecer lonxe da liña de costa e das praias e paseos marítimos co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Tamén se aconsella a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas, así como extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.

Ademais, recoméndase consultar a páxina web do CAE 112 (axega112.gal ), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

 

Imaxes relacionadas