A Xunta informa ás asociacións da área de Vigo das axudas do II Plan de Rescate dirixidas a autónomos e microempresas

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o delegado en Pontevedra, Luis López, mantiveron hoxe un encontro telemático con preto dun centenar de colectivos aos que detallaron o contido e requisitos do novo plan

A orde de axudas específica para hostaleiros e outros negocios pechados -como ximnasios ou parques infantís- publicarase no DOG o próximo luns

A representante autonómica recordou que a Xunta inxectou ata o de agora máis de 4 millóns de euros en axudas directas á hostalería en Vigo; 6,6 millóns na área
 

Vigo, 18 de febreiro de 2021

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o delegado en Pontevedra, Luis López, mantiveron hoxe unha xuntanza telemática con preto dun cento de colectivos aos que se dirixen as axudas do II Plan de Rescate que o Executivo autonómico activou este xoves co obxectivo de acompañar aos empresarios nesta nova fase da pandemia.

Así, ambos os dous representantes detallaron polo miúdo a convocatoria da liña xenérica de axudas -para persoas traballadoras autónomas e microempresas-, xa que a específica para establecementos hostaleiros e outros negocios pechados polas medidas sanitarias desde xaneiro -como ximnasios ou parques infantís- publicarase no DOG o próximo luns.

Tras recordar que no marco do primeiro plan de rescate a Xunta inxectou ata o de agora máis de 7,5 millóns de euros no conxunto das liñas activadas na comarca viguesa (autónomos, microempresas e hostalaría), dos que 6,6 millóns se repartiron entre o sector da hostalería da área territorial, correspondendo máis de 4 millóns aos hostaleiros de Vigo, a delegada insistiu en que Galicia leva destinados en 90 días máis de 160 millóns de euros a apoios directos ao tecido empresarial, posto que o primeiro Plan de Rescate estivo dotado con 86 millóns de euros.

Este segundo Plan de Rescate da Xunta está dotado con 75 millóns de euros, dos que 60 millóns corresponden á convocatoria publicada hoxe, e 15 millóns á liña específica destinada á hostalaría e negocios pechados.

Especial fincapé fixo a delegada durante a reunión en que rodas as axudas do segundo Plan de Rescate son complementarias e acumulables ata un máximo de 15.700 euros por negocio. Asemade, indicou a súa compatibilidade cos importes recibidos no primeiro plan. Deste xeito, un negocio que se beneficie de ambos programas poderá percibir en catro meses axudas que van dun mínimo de 3.400 euros ata un un máximo de 24.200 euros.
As persoas traballadoras autónomas e microempresas poderán solicitar os apoios desde mañá venres, e durante o prazo dun mes. Para acceder ás axudas deberán acreditar baixadas de facturación en 2020 de polo menos o 45% fronte aos datos de 2019.

Autónomos

Para os autónomos establécese unha escala que vai dos 1.200 aos 3.000 euros de axuda directa. As contías serán máis elevadas para os empresarios que teñan máis caídas na facturación. Así, establécese un baremo a partir de 1.200 euros para baixas na facturación de entre o 45% e 60%; 2.000 euros (entre o 60% e o 70%) e de 3.000 euros nos casos máis graves (caída do 70% ou máis).

Microempresas

Para microempresas e persoas traballadoras autónomas con persoal ao seu cargo, os apoios irán dos 4.000 aos 9.000 euros. Tamén neste caso adáptanse as contías en función das perdas: 4.000 euros (de -45% a -60%), 5.000 euros (entre -60% e -70%) e 6.000 euros (-70% ou máis). Estas cantidades incrementaranse de acordo co número de persoas traballadoras ao cargo, percibindo os empresarios 1.000 euros a maiores se contan de 4 a 9 empregados; 2.000 euros máis en negocios entre 10 e 20 empregados; e 3.000 euros con cadros de persoal de 21 a 25 persoas.

Novidades

Como novidade, o Goberno galego, por mor da situación económica da covid-19, permitirá que poidan acceder ás axudas as empresarias e empresarios que teñan contraído pequenas débedas coas administracións públicas (tributarias ou coa Seguridade Social). Nestes casos, a débeda non poderá superar o 80% da axuda a percibir e as persoas beneficiarias deben comprometerse a saldalas e comunicalo no prazo de quince días. Os empresarios que estean ao corrente, percibirán a totalidade da axuda nun único pago.

Deste xeito, tal e como acentuou a delegada durante a xuntanza, a Xunta responde ás peticións formuladas polos diferentes sectores afectados. Trátase dunha medida excepcional tendo en conta a situación actual, que facilita o acceso ás axudas públicas a negocios con pequenas débedas coa Administración, sen prexuízo de que teñan que cumprir coas súas obrigas tributarias e coa seguridade social.

Deste xeito, Fernández-Tapias destacou que o Goberno galego segue a acompañar con axudas directas aos empresarios que enfrontan con maiores dificultades esta fase da pandemia. Cos apoios preténdese contribuír ao mantemento da súa actividade económica e do emprego. Por este motivo elimináronse requisitos respecto do primeiro plan. Aos autónomos non se lles pedirá acreditar prestación por cese de actividade e, no caso das microempresas non terán que ter ou ter tido ERTE desde o inicio da pandemia.

Dúbidas

A Xunta, ademais, para resolver calquera dúbida sobre este programa de axudas e outros plans da Consellería de Emprego e Igualdade ten activa a aplicación móbil (app) Gohu, a liña de teléfono 900 815 600 e a conta de correo electrónico hola@gohu.es para informar en todo momento das novidades. A app pódese descargar para teléfonos con iOS nesta ligazón e para Android nesta ligazón. Ambas as dúas ligazóns están dispoñibles na páxina web de Gohu.

A tramitación dos novos apoios realizarase unha vez máis de xeito áxil, con pouca burocracia, o que permitirá que os primeiros pagos cheguen en cuestión de días, antes incluso de que remate o prazo de solicitude, como ocorreu co primeiro plan.

O luns a Xunta completará a activación do 2º Plan de rescate, coa convocatoria no DOG da nova liña de axudas automáticas ao sector da hostalaría e outras actividades pechadas polas medidas sanitarias (ximnasios, parques infantís, feirantes...), dotada con outros 15 millóns de euros. Ao ser compatible coas de autónomos e microempresas, a contía máxima a percibir polos negocios no segundo plan poderá elevarse ata os 15.700 euros.

Imaxes relacionadas