A Xunta investirá o 66% do importe da reforma e ampliación do Club Deportivo Náutico de Miño (A Coruña)

A actuación terá un orzamento base de preto de 262.000 euros sendo 172.800 euros achegados pola Secretaría Xeral para o Deporte e o restante polo concello

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo na mañá de hoxe un encontro de traballo cos directivos do Club Deportivo Náutico de Miño para tratar a reforma e ampliación do club que a Xunta de Galicia e o Concello de Miño abordarán no presente ano. A actuación terá un orzamento base de preto de 262.000 euros (261.228,55 euros) sendo 172.800 euros achegados pola Secretaría Xeral para o Deporte (66%) e o restante polo concello.

O Club Deportivo Náutico de Miño conta na actualidade con dous edificios, un destinado a almacenamento, de maior altura, e outro destinado a ximnasio e servizos. As obras proxectadas consisten na demolición da parte alta do edificio de almacén; a ampliación do edificio de ximnasio cara a zona norte e cara o sur; a redistribución dos espazos interiores para conseguir novos espazos necesarios e uns novos vestiarios e aseos, que sexan ademais accesibles; así como unha nova edificación, que sirva de unión entre as edificacións xa existentes, dedicada a carga e descarga.

En total, dos 32.474.216 euros cos que conta a Secretaría Xeral para o Deporte en 2021 (un 28,5% máis que en 2020), 9,15 millóns serán destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020 cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns de euros.

Desta partida sairán os importes necesarios para a realización de importantes actuacións no sector deportivo galego como a reforma e ampliación do Club Náutico de Castrelo de Miño -que en 2022 acollerá a Copa Jeunesse (Copa da Mocidade)- ou a mellora e ampliación do Club Náutico de Pontecesures -un dos que conta con maior número de licenzas de deporte náutico en toda Galicia-. Deste xeito, unha vez máis, a Secretaría Xeral para o Deporte demostra o seu compromiso co deporte náutico galego e contribúe a que siga a ser unha referencia para todo o mundo.

Imaxes relacionadas