O Sergas continúa traballando na integración laboral das persoas con discapacidade intelectual mediante a convocatoria de 125 prazas fixas en diversas categorías

A vindeira semana publicarase a lista dos 11 técnicos en coidados auxiliares de enfermería que obtiveron praza tras as probas realizadas en febreiro do ano pasado e a aplicación do correspondente baremo de méritos

Nos vindeiros días concretarase a data de exame para 9 prazas de persoal de servizos xerais, nas que serán as primeiras probas realizadas na pandemia, así como dos listados provisionais de admitidos para 39 prazas de pinche e 10 de técnico en farmacia

Para facilitar a integración laboral, abríronse as listas de selección temporal para a categoría de celador as persoas con discapacidade intelectual rexistrándose, a falta dos listados de admitidos, 281 solicitudes
 

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2021

O Servizo Galego de Saúde segue a traballar na inclusión laboral total das persoas con discapacidade intelectual, mediante a convocatoria de prazas en diversas categorías, tanto fixas como temporais. Así o referiu hoxe a directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña, na súa intervención na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia.

Comesaña informou que o próximo día 24 vaise publicar a lista dos 11 aspirantes con discapacidade intelectual que conseguiron praza fixa como técnicos en coidados auxiliares de enfermería, nos exames realizados en febreiro de 2020 e tras a aplicación do correspondente baremo de méritos. Así mesmo destacou que, nos vindeiros días, concretarase a data para os exames de persoal de servizos xerais (PSX), que inclúen unha quenda diferenciada para discapacidade intelectual, cun total de 9 prazas para 148 candidatos. Cómpre subliñar que estes exames, que previsiblemente serán en abril, serán as primeiras probas realizadas durante a pandemia da covid-19.

Tamén están pendentes, pero neste caso da publicación dos listados de admitidos, os 186 inscritos para as 39 prazas de pinche e os 10 inscritos para as 10 prazas ofertadas de técnico en farmacia. Se a estas cifras sumamos ós 30 profesionais, adxudicatarios das prazas da primeira oferta de selección fixa para a categoría de celador pola quenda de discapacidade intelectual, que se incorporaron aos seus postos en outubro, o número de prazas ofertadas en total ascende a 125.

Ana Comesaña destacou que tamén se iniciou un procedemento para a inscrición nas listas de selección temporal de celador, para persoas con discapacidade intelectual. A falta de publicar o listado provisional de admitidos e excluídos, rexistráronse 281 solicitudes. Está previsto que as listas definitivas entren en vigor antes deste verán.

A Consellería de Sanidade ten subscritos varios convenios de colaboración con diversas institucións e entidades, como Down Galicia, Fademga Plena Inclusión Galicia e Aspace Galicia para realizar actividades de asesoramento e apoio na inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual no sistema sanitario público galego.

Esta colaboración esténdese tanto no relativo as medidas de adaptación para a realización das probas selectivas nas ofertas públicas de emprego, como no proceso de inserción e adaptación efectiva aos seus postos de traballo.
 

Imaxes relacionadas