O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, compareceu hoxe na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia

A Xunta salienta que rematar a vacinación nas residencias de maiores permite flexibilizar as medidas fronte á covid-19

Nos últimos 15 días o número de persoas contaxiadas nestes centros baixaron máis dun 60%

Naquelas residencias nas que transcorreran 10 días desde a administración da segunda dose da vacina, permítense ata tres visitas semanais de dous familiares diferentes

O Goberno galego fai públicos diariamente os datos de contaxios, curacións e falecementos por covid-19 desglosados por cada un dos centros residenciais de Galicia

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, destacou hoxe a campaña de vacinación fronte á covid-19 nas residencias de maiores e persoas con discapacidade de Galicia. Na súa comparecencia na Comisión 5ª, de Sanidade, Política Social e Emprego recordou que a inmunización dos centros e o descenso da incidencia permitiron flexibilizar os protocolos de seguridade.

Fernando González Abeijón explicou que nos últimos 15 días o número de persoas contaxiadas nas residencias de maiores descenderon máis dun 60% e que actualmente o 100% dos centros residenciais están vacinados. Desta maneira, desde onte permítese máis visitas nas residencias. Naqueles centros nos que transcorreran 10 días desde a administración da segunda dose da vacina, permítese ata tres visitas semanais de dous familiares diferentes.

Medidas

Así mesmo, Fernando González detallou todas as medidas que a Xunta de Galicia levou a cabo nos centros desde o inicio da pandemia sanitaria para facer evitar gromos. Subliñou que se achegaron protocolos de actuación desde o primeiro momento, que foron supervisados polo Comité Clínico.

O director xeral recordou que todas as residencias están tuteladas polas súas respectivas áreas sanitarias e que cando a calidade asistencial estaba comprometida o Goberno galego intervén o centro. Puxo en valor que se crearan as residencias integradas, que foron replicadas polo seu éxito noutras comunidades de España. Ademais, explicou que a decisión de que unha persoa se trasladase ou non a un hospital é “un criterio única e estritamente sanitario”.

O Goberno galego fai públicos, con carácter diario, os datos de contaxios, curacións e falecementos pola covid-19 desglosados por cada un dos centros residenciais de Galicia.

Imaxes relacionadas