Trenor traslada aos responsables de ATA Galicia as novidades do 2º Plan de Rescate que chegará a novos sectores e permitirá dedicar parte das axudas a abonar débedas tributarias

O delegado da Xunta mantivo unha reunión cos representantes da Asociación de Traballadores Autónomos de Galicia (ATA) para informarlle que hoxe publicouse no Diario Oficial de Galicia a convocatoria da liña xenérica de axudas -a dirixida a persoas traballadoras autónomas e microempresas- do 2º Plan de Rescate

Con este novo plan a Xunta sumará 160 millóns de apoios aos sectores máis afectados polo coronavirus en apenas catro meses
 

A Coruña, 18 de febreiro de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse esta mañá con Rafael Granados Guillen, presidente de ATA Galicia e con Alvaro Viqueira Verea, secretario xeral da entidade para trasladarlle as novidades do 2º Plan de Rescate a autónomos, microempresas e sector da hostalería, dotado con 75 millóns de euros, e ao que, como novidade, poderán tamén acceder outros negocios non hostaleiros que tiveron que parar a súa actividade por mor das medidas sanitarias vixentes desde o pasado 9 de xaneiro, como ximnasios, feirantes ou parques de ocio infantil.

Ademais, outra novidade importante é que os autónomos e titulares de microempresas poderán destinar as axudas deste 2º plan a abonar pequenas débedas que teñan contraído coas administracións públicas (tributarias ou coa Seguridade Social) por mor da pandemia. Non poderán exceder do 80% das contías a percibir e os empresarios deberán acreditar a posta ao día destas obrigas, para acceder ao 20% restante.

Trenor informou que hoxe mesmo o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a convocatoria da liña xenérica de axudas -a dirixida a persoas traballadoras autónomas e microempresas- do 2º Plan de Rescate para que se podan solicitar as axudas o antes posible.

O sistema de tramitación deste segundo plan será máis sinxelo que o primeiro, apuntou o delegado, lembrando que entre ambos os dous teranse mobilizados máis de 160 millóns de euros, en apenas 4 meses. Tamén engadiu que aqueles concellos que queiran participar terán que notificar a contía que queiran achegar e desde a Xunta incrementaranse estas contías coas que os concellos ou deputacións consideren oportuno trasladar aos establecementos do seu ámbito territorial.

Trenor explicou que a previsión é abrir a convocatoria mañá venres para que todos os interesados poidan acceder ás mesmas o antes posible. Dos beneficiarios do I Plan de Rescate , 20.000 –o 60%- eran negocios da hostalería, que recibiron 38,8 millóns de euros . O delegado da Xunta lembrou que estas axudas se conceden por establecemento, non por persoa afectada, o que permitirá que unha persoa con varios negocios poida acceder á cantidade correspondente en cada un deles.

No 2º Plan de Rescate os establecementos hostaleiros e doutras actividades pechados por mor da pandemia desde xaneiro, contarán con axudas específicas dos 1.900 euros aos 3.700 en función da duración da inactividade e do número de persoas empregadas. Poderán sumar ademais, ao ser compatibles, os cartos destinados a persoas traballadoras autónomas e microempresas, polo que as contías máximas poderán acadar os 15.700 euros. Así, tendo en conta que os beneficiarios da primeira convocatoria tamén poden acollerse a esta, os que obteñan apoio de ambas as dúas percibirán entre un mínimo de 3.400 euros e ata un máximo de 24.200. Neste senso, apuntou que “todos os que cumpren os requisitos cobraron as axudas en tempo récord”.

Imaxes relacionadas