A Xunta publicará nos vindeiros días a licitación do proxecto básico e de execución das novas fases do Plan director do Hospital Público da Mariña nas que o Goberno galego investirá 15 M€

Así o anunciou no Parlamento de Galicia o xerente do Sergas, José Flores Arias

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2021

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores Arias, compareceu hoxe, no Parlamento de Galicia, onde informou que a Xunta de Galicia publicará, nos vindeiros días, a licitación do proxecto básico e de execución, así como a dirección facultativa das Fases II e III, do Plan Funcional do Hospital Público da Mariña, nas que o Goberno galego ten previsto investir un total de 15 millóns de euros.

A fase II inclúe a reforma do espazo da antiga diálise e o traslado a esa zona dos novos laboratorios de análises clínicas e microbioloxía; e o novo laboratorio de anatomía patolóxica. Cos espazos que van quedando dispoñibles no actual edificio, vaise completar a reforma de gabinetes de exploración e consultas externas; a creación dun novo hospital de día de procesos asistenciais; e a reforma do servizo de admisión e da unidade de neonatoloxía.

Construción dun novo edificio

Tal e como sinalou José Flores, nesta fase II contémplase, ademais, a construción dun novo edificio anexo de dous andares, con capacidade suficiente para albergar o servizo de mantemento e a Unidade de Prevención de Riscos Laborais, así como o salón de actos e dependencias de Docencia. Trátase dun edificio sen funcións asistenciais, destinado a traballadores sanitarios e público xeral, polo que, ademais de que se comunique co resto do hospital, teña un acceso independente dende o exterior.

Polo que atinxe á fase III do Plan director, o xerente do Sergas remarcou que contempla a ampliación e mellora do servizo de urxencias e do servizo de radiodiagnóstico, así como a reforma da área de cirurxía maior ambulatoria; a reforma para albergar pediatría no segundo andar; e a reforma da unidade de recuperación post anestésica e área de críticos.

Na súa intervención, o xerente do Sergas sinalou que “temos un hospital da Mariña renovado e ampliado e que, con este investimento previsto de 15 millóns de euros, posibilitarase unha mellora da asistencia sanitaria e achegar novos servizos de calidade á súa poboación de referencia.

Tamén incidiu en que a Xunta leva traballando, especialmente na última década, para dotar ao Hospital da Mariña dos medios necesarios para garantir unha atención hospitalaria o máis ampla posible, permitindo así que moitos usuarios non teñan xa que desprazarse ao hospital de Lugo para seren atendidos. Así, o conxunto de melloras iniciadas a finais de 2016 e finalizadas en decembro do ano pasado, supuxeron un investimento total de 12,5 millóns, ampliando o hospital 8.000 metros cadrados. Tamén destacou o xerente do Sergas que, dende o ano 2018 e ata o pasado ano, licitáronse preto de 3 millóns de euros para dotar ao centro de diversa tecnoloxía e mobiliario.

Imaxes relacionadas