A Xunta e o Concello de Manzaneda reforzan a súa colaboración para a anticipación aos incendios forestais

O conselleiro do Medio Rural e o alcalde deste municipio ourensán mantiveron unha xuntanza telemática para abordar os distintos convenios subscritos polo consistorio para a prevención dos lumes

Así mesmo, José González animou ao rexedor a adherirse ao Plan de pastos de Galicia

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse por videoconferencia co alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, para tratar a colaboración entre as dúas Administracións en materia de anticipación aos incendios forestais. Así, na xuntanza abordáronse os distintos convenios subscritos polo consistorio para a prevención dos lumes.

En concreto, o Concello de Manzaneda recibe axuda da Consellería do Medio Rural para conformar a súa brigada municipal antiincendios, para dispoñer de motobomba e para sufragar a realización de rozas, uns traballos que o rexedor ourensán considerou prioritarios para previr os lumes na súa localidade. Así mesmo, o municipio está adherido ao convenio de protección das aldeas, o acordo subscrito entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga para incentivar e mellorar a xestión da biomasa preto dos núcleos de poboación, co fin de anticiparse aos incendios forestais.

Precisamente para avanzar na prevención, o conselleiro animou ao alcalde de Manzaneda a sumarse tamén ao Plan de pastos de Galicia, que supuxo actuacións en 14 concellos galegos na súa primeira fase. Na segunda, que se prevé comezar na primavera, agárdase chegar a outros 24 municipios, co obxectivo de anticiparse aos lumes pero tamén co de promover un mellor aproveitamento dos recursos naturais para garantir a rendibilidade das explotacións, ao facilitarlles máis base territorial. Nesa liña, José González sinalou que a Consellería está a recibir solicitudes continuamente e que todas as propostas son avaliadas polos técnicos do seu departamento, para analizar a súa idoneidade de cara á incorporación ao Plan de pastoreo.

No encontro telemático entre o conselleiro do Medio Rural e o alcalde de Manzaneda tamén participaron o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural