A secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social, María Francisca Gómez, compareceu hoxe na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia

A Xunta destaca o labor da inspección de servizos sociais para garantir os dereitos das persoas usuarias das residencias

O Goberno galego realiza inspeccións ordinarias nos centros de servizos sociais e tamén outras extraordinarias motivadas por algún tipo de denuncia

Os deputados do Bloque Nacionalista Galego (BNG) que solicitaron información documental sobre unha serie de expedientes sancionadores téñenos á súa disposición
 

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2021

A secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social, María Francisca Gómez, salientou hoxe na súa comparecencia na Comisión 5ª, de Sanidade, Política Social e Emprego que o labor que realiza a Xunta en materia de inspección dos servizos sociais é fundamental para garantir os dereitos das persoas usuarias de residencias de maiores ou persoas con discapacidade.

María Francisca Gómez sinalou que a Xunta de Galicia realiza inspeccións ordinarias nos centros de servizos sociais e tamén outras de índole extraordinaria motivadas por algún tipo de denuncia para verificar que se está a cumprir a normativa vixente.

A secretaria xeral técnica explicou que nos últimos anos os principais motivos que levaron á apertura de expedientes sancionadores foron motivadas por infraccións leves, como a non actualización de información documental ou deficiencias estruturais nunha instalación (humidades, falta de accesibilidade, mobiliario ou utensilios non axeitado); infraccións graves, como non contar co persoal suficiente ou coa titulación esixida; ou infraccións moi graves, como a obstrución ao labor inspector.

Neste sentido, María Francisca Gómez indicou que os deputados do Bloque Nacionalista Galego (BNG) que solicitaron información documental sobre unha serie de expedientes sancionadores téñenos á súa disposición.

Imaxes relacionadas