A secretaria xeral técnica e a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica responderon a distintas preguntas na Comisión 8ª

Galicia busca sacar o máximo rendemento dos fondos europeos Next Generation para impulsar a cadea mar-industria

A Xunta traballa conxuntamente co tecido produtivo, os interlocutores sociais e expertos económicos co obxectivo de consolidar a resistencia dos sectores produtivos como o marítimo-pesqueiro no contexto da crise da covid-19

Participa en diferentes accións relacionadas coa produción de moluscos bivalvos, a observación costeira, a comercialización dos produtos pesqueiros e tamén en distintos proxectos presentados por empresas do sector, entre outros

Por outra banda a directora xeral de Pesca sinalou que a marca ‘pescadeRías’ multiplicou por cinco a cantidade de produto certificado en 2019 con preto de 12.500 toneladas en relación con 2009 no que se certificaron máis de 2.400
 

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2021

A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas, explicou hoxe no Parlamento que a Xunta traballa desde o primeiro momento co fin de “maximizar a oportunidade” que supoñen os fondos europeos do programa Next Generation EU e para consolidar a resistencia da cadea mar-industria no contexto da crise da covid-19. Un traballo, especificou, que o Executivo galego realiza de forma conxunta co tecido produtivo, os interlocutores sociais e expertos económicos.

Dentro deste labor Silvia Cortiñas destacou e explicou algunhas das iniciativas nas que está a participar a Consellería do Mar. Unha delas está relacionada co desenvolvemento sustentable da produción e comercialización ligada á economía azul e que inclúe un plan integral de recuperación e reforzo da produción de moluscos bivalvos nas rías de Galicia e un paquete de servizos de apoio á toma de decisións polos diferentes sectores produtivos da economía azul (desde a extracción á comercialización e o consumo).

Outras accións enmarcadas nesta iniciativa e que citou a secretaria xeral son a mellora da rede de observación costeira da Xunta e da accesibilidade á información sobre o medio e os recursos mariños a usuarios non expertos. Tamén abarca o apoio ao sector pesqueiro e portuario na implantación da recollida de lixo e na xestión e valorización dos residuos recollidos e a proxección internacional das actividades da pesca e a acuicultura.

En relación á convocatoria de proxectos tractores para afrontar o reto demográfico e o despoboamento, Silvia Cortiñas, sinalou que se presentou unha iniciativa que busca optimizar a comercialización dos produtos pesqueiros coa creación dunha nova canle dixital de comercialización para axudar á recuperación do sector.

Noutro apartado, sinalou, hai un proxecto que se enmarca na área de conservación e restauración de ecosistemas e a súa biodiversidade. Ademais destacou que a Xunta traballa noutra iniciativa relacionada coa produción de conservas, elaboracións de peixe e conxelado.

A maiores, explicou a secretaria xeral técnica, o Executivo galego forma parte e deu apoio a diversos proxectos presentados por empresas do sector. Algúns deles relacionados co aproveitamento sustentable das cunchas de mexillón resultante do procesado deste marisco mediante o desenvolvemento de novas formulacións fertilizantes e coa creación de solucións innovadoras e tecnoloxías que permitan un maior control da rastrexabilidade.

Outra iniciativa do sector na que participa a Xunta é a que ten que ver co desenvolvemento das tecnoloxías de equipos eléctricos propulsivos e de almacenamento de enerxía en baterías que permitan a redución substancial ou mesmo a eliminación de emisións no sector marítimo.

En relación ao total de proxectos presentados polo Goberno galego, a secretaria xeral técnica destacou a transversalidade de moitos deles, pois aínda que estean tutelados por unha consellería en concreto abarcan accións que implican a outras. Ademais insistiu en que a proposta de proxectos “é un documento vivo”, xa que ata o 30 de abril existe prazo para seguir completándoa. Neste sentido, explicou que a Xunta segue en contacto co sector para aproveitar todas as posibilidades que ofrecen os fondos.

En vista da réplica do grupo autor da pregunta sobre este asunto, a secretaria Xeral técnica subliñou que a proposta da formación nacionalista para os fondos Next Generation en materia marítimo-pesqueira recolle cuestións xa coñecidas, e que, de forma básica, todas as liñas propostas dentro do proxecto xa están en marcha desde 2009 e 2010, con liñas semellantes e froitos probados, polo que non estaríamos ante un novo modelo para o sector.

Neste respecto, Silvia Cortiñas apuntou a que 13 das medidas propostas xa as tería en marcha a administración autonómica desde hai anos, chegando incluso a 2009, tres teñen un contido difuso e mesmo poderían ser un paso atrás, ser ilegais ou ser contraproducentes para o sector e as tres restantes están na proposta realizada pola Consellería do Mar no mesmo senso de cara ao futuro.

‘PescadeRías’

Pola súa banda, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, deu conta da actividade do selo de calidade pescadeRías a través do que se promocionan os produtos mariños procedentes da pesca artesanal. A directora xeral salientou a boa evolución que tivo este selo desde os seus inicios, pois multiplicou por cinco a cantidade de produto certificado en 2019 con preto de 12.500 toneladas en relación a 2009, no que se certificaron máis de 2.400 toneladas. Ademais, engadiu, neste período os centros acreditados (lonxas ou centros de primeira venda, empresas de transformación, distribuidores, depuradoras ou centros de expedición) aumentaron de 49 a 114 e as entidades adheridas (restaurantes, peixerías e tendas online) de 36 a 319.

En canto ao ano 2020, a falta de pechar definitivamente os datos, adiantou que se certificaron con esta marca máis de 11.200 toneladas de produto. Isto tradúcese, especificou, nun 10% menos que no 2019 debido á situación derivada da pandemia da covid-19, pois “houbo unha caída da recolección de moluscos, vinculada ao peche do canal Horeca”. Non obstante, o ano pasado a cifra de axentes certificados con pescadeRías rexistrou un incremento do 12% en relación ao 2019 ao pasar de 114 a 128, o que confirma a boa evolución da marca e fixo fincapé no valor do uso e presenza deste selo nos mercados, explicou Mercedes Rodríguez.

Imaxes relacionadas