Luis López destaca o investimento da Xunta na mellora do parque de vivendas tras dedicar máis de 1,4 M€ a 77 proxectos de eficiencia e conservación na cidade de Pontevedra

O representante autonómico visita, co xefe territorial, José Manuel González, a actuación na fachada e nas instalacións do edificio número 9 de José Millán, con 75 vivendas, que foi cofinanciada con 134.000€ do Goberno galego

O delegado territorial sinala a importancia do Plan de Vivenda “para renovar e modernizar os nosos fogares nas liñas de eficiencia enerxética e conservación e accesibilidade” e revela que xa se aprobaron 500 axudas na provincia
 

Pontevedra, 18 de febreiro de 2021

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, destacou esta mañá o nivel de investimentos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda na mellora do parque residencial co desenvolvemento de proxectos de eficiencia enerxética, conservación e accesibilidade que permitiron realizar 77 actuacións na cidade de Pontevedra cunha achega de 1.434.000 do Goberno galego ao abeiro do Plan de Vivenda.

O representante autonómico puxo en valor o “forte compromiso” da Xunta de Galicia coa “confortabilidade e o benestar dos cidadáns, especialmente nos nosos fogares, que é onde pasamos máis tempo” e revelou que a consellería aprobou nos últimos tres anos máis de 500 axudas para estas obras na provincia de Pontevedra.

Nesta liña, engadiu que, só na cidade de Pontevedra, o Goberno galego aprobou 24 axudas para accións de eficiencia enerxética, principalmente en fachadas, cun importe de case 640.000€ e outras 53 para proxectos de conservación, mellora das instalacións e servizos e accesibilidade cunha achega global de 797.000€.

O delegado territorial revelou todas as posibilidades e os investimentos xa realizados ao abeiro do Plan de Vivenda nunha visita realizada esta mañá ao edificio da Comunidade de Propietarios José Millán 9, emprazada nesta mesma dirección da cidade, que se beneficiou de senllas axudas en materia de eficiencia e de conservación por un importe total de 134.000€, que permitiron sufragar máis da metade dos 267.000€ de investimento.

Acompañado polo xefe territorial de Vivenda, José Manuel González, o representante autonómico visitou as obras realizadas no inmoble, un gran bloque de case 12.000 m2 construidos que alberga a 75 vivendas en sete andares.

En concreto, acometeuse a reforma da fachada con envolvente térmica a través dun revestimento no patio interior, na fachada cara a rúa Javier Puig e nunha medianeira e o cambio de fiestras das escaleiras e do corpo da chimenea cunha axuda autonómica de máis de 102.000€. A segunda actuación consistiu na consolidación da estrutura, as instalacións e certos servizos e a dotación dun videoporteiro cunha subvención de case 32.000€. Ambas xa foron sufragadas á comunidade de propietarios.

Finalmente, Luis López sinalou a “enorme importancia” do Plan de Vivenda, “xa que permite axudar a moitos cidadáns e comunidades a facer investimentos importantes, que nalgúns casos non poderían facer en solitario, e deste xeito mellorar as condicións, o confort e a calidez dun espazo tan fundamental para cada un como é o seu fogar”. Neste senso, animou aos cidadáns a seguir optando as liñas de axuda da consellería ao abeiro do Pacto Social pola Vivenda 2021-2025, que inclúe un cento de medidas con achegas para accións de eficiencia, conservación, melloras ou alugueiro, entre outras.
 

Imaxes relacionadas