Fernández-Tapias informa que das 15.040 mostras de saliva analizadas na provincia de Pontevedra, 30 resultaron positivas

A delegada territorial da Xunta en Vigo destaca que das 429 farmacias da provincia, 381 colaboran neste programa de detección precoz de novos casos covid

Vigo, 17 de febreiro de 2021

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou hoxe que das 15.040 mostras analizadas ata o de agora mediante a autorecollida de saliva na provincia de Pontevedra, 30 resultaron positivas.

Así o asegurou nunha visita a unha oficina de farmacia da cidade de Vigo na que estivo acompañada pola presidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos da provincia de Pontevedra, Alba Soutelo, á que agradeceu a súa disposición a participar neste programa en colaboración coa Xunta e que ten por obxectivo incrementar a capacidade de detección de novos casos de covid entre persoas asintomáticas.

Así, recordou que esta medida que desde este martes se estendeu ás catro provincias galegas se testou cunha proba piloto en seis das 429 farmacias da provincia e que a día de hoxe son 381 as que figuran inscritas neste plan.

Deste xeito, as oficinas de farmacia ofrecen kits de saliva ás poboacións diana establecidas pola Consellería de Sanidade,persoas de entre 40 e 64 anos, para, posteriormente, enviar estas mostras ao Laboratorio de Microbioloxía de Vigo, onde se analizan. Así, unha vez avaliadas, se lles comunica o resultado ás persoas participantes e, no caso de obter un resultado positivo, se lles realiza unha proba PCR.
Con todo, a delegada, quen indicou que a detección de positivos é crave nesta cruzada contra o coronavirus, fixo especial fincapé na inmunización a través da vacinación e lamentou os atrasos que se están a sufrir na entrega das doses. Neste sentido, apuntou que se estaría en disposición de vacinar a 100.000 persoas diarias de contar coas doses necesarias. Esto suporía ter a toda a poboación galega vacinada en 6 o 8 semanas.

Imaxes relacionadas