O vicepresidente segundo, Francisco Conde, e a titular de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participaron hoxe por videoconferencia nunha reunión sobre a situación de Siemens convocada pola Xunta

A Xunta pide ao Ministerio de Traballo que amplíe o período de consultas do ERE de Siemens para buscar alternativas ao peche

Conde considera que a ausencia da empresa nesta xuntanza é “unha oportunidade perdida” pola compañía para atopar solucións que dean continuidade á planta das Somozas e denota a mala fe coa que está actuando

Demanda ao Ministerio de Industria que, ao mesmo tempo, convoque a mesa industrial para definir nela esas posibles alternativas que permitan o mantemento do emprego e da actividade industrial

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, solicitaron hoxe ao Ministerio de Traballo e Economía Social que, como Autoridade Laboral, constate se hai motivación para ampliar o período de consultas do ERE que afecta á planta de Siemens nas Somozas, unha vez que a empresa non está explorando alternativas posibles ao peche.

Así o trasladou durante a reunión convocada pola propia Xunta de Galicia, na que tamén participou o Goberno central –a través do director xeral de Industria e da Peme, Galo Gutiérrez– e representantes dos traballadores; un encontro ao que Siemens non asistiu.

Conde considerou que a ausencia de Siemens nesta xuntanza é “unha oportunidade perdida” pola empresa para atopar solucións que dean continuidade á planta das Somozas. “Siemens está demostrando a súa mala fe desde o punto de vista do procedemento sobre todo porque non quere compartir as diferentes alternativas que se lle trasladaron por parte doutras empresas para dotala de carga de traballo”, dixo Conde.

Ante esta postura, o vicepresidente económico instou ao Ministerio de Traballo a que, unha vez constatada esa mala fe por parte da empresa, solicite a ampliación do período de negociación do expediente que afecta a 215 traballadores –que remata mañá– para seguir traballando nunha saída que faga viable a planta das Somozas e permita polo tanto dar continuidade aos postos de traballo. E, de xeito paralelo, demandou ao Ministerio de Industria que convoque a mesa industrial para definir nela esas posibles alternativas que permitan o mantemento do emprego e da actividade industrial.

Neste sentido, Conde lembrou que en Galicia existe unha carteira de proxectos eólicos nos que se proxecta tecnoloxía Siemens, algúns dos cales xa contan coa autorización administrativa e, polo tanto, con posibilidades de execución neste mesmo ano 2021, aos que hai que sumar outros en diferentes estados de avance administrativo.

A maiores, na recente poxa convocada polo Goberno en xaneiro, entre os adxudicatarios están promotores que contan con proxectos en desenvolvemento en Galicia. Ademais, a Lei de reactivación económica catalogará como iniciativas empresariais prioritarias os proxectos de enerxía renovable vencellados ao autoconsumo industrial.

Imaxes relacionadas