O Diario Oficial de Galicia publica a resolución das subvencións a entidades deportivas que se duplica con respecto a 2020

Destaca a nova liña de implementación de medidas de seguridade e prevención no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da covid-19 cun importe de 2 millóns de euros

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica no seu número de hoxe a resolución da Secretaría Xeral para o Deporte pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia non competitiva de subvencións, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas e para a implementación de medidas de seguridade e prevención no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da covid-19, e se convocan para o ano 2021. Para o financiamento desta convocatoria destínase un total de 3,92 millóns de euros, distribuídos entre a liña de desenvolvemento de actividades deportivas (1,92 millóns de euros) e a nova liña de implementación de medidas de seguridade e prevención no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da covid-19 (2 millóns de euros). Deste xeito, o importe total duplícase con respecto ao exercicio de 2020 (1,92 millóns de euros).

No caso das subvencións á actividade deportiva, establécese a contía de axuda máxima por entidade beneficiaria en 10.000 euros. No caso das subvencións para a implementación de medidas de seguridade e prevención ante a covid-19, esta contía máxima poderá ser de ata 3.000 euros, para o caso de entidades que participen en competicións oficiais non profesionais de ámbito estatal de modalidades deportivas que impliquen contacto, e de ata 1.500 euros, para as entidades que participen en competicións oficiais non profesionais de ámbito estatal de modalidades deportivas que non impliquen contacto e para as entidades que participen en competicións oficiais de ámbito autonómico. Neste segundo caso, a entidade pode chegar a recibir ata un máximo de 4.500 euros no caso de que conte con equipos que se enmarquen nos dous supostos anteriores.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cómpre salientar que, ademais do incremento da dotación desta partida, o pasado 5 de febreiro publicábase a resolución das subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos que acadan os 700.000 euros, como no caso do exercicio de 2020 e a pesar do actual escenario de pandemia que provoca que parte da actividade deportiva autonómica federada non se está a realizar. A principios do mes de febreiro, o Consello da Xunta aprobaba a sinatura dos convenios de colaboración coas federacións galegas que tamén manteñen o seu importe de 2020 e o máis elevado da serie histórica desde 2011 sendo este de 4,4 millóns de euros.

Imaxes relacionadas