O titular da Xunta reuniuse esta mañá co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña

A Xunta solicita ao Goberno central que licite un dos estudos informativos existentes da Saída Sur de Vigo, unha infraestrutura "clave" para a cidade, para Galicia e para a Eurorrexión

Salienta que o informe elaborado pola Xunta acredita que a Saída sur de Vigo permitiría: reducir custos de transporte; atraer novos tráficos de carga e descarga; e mellorar a conexión coa Plisan; e incrementar a actividade portuaria un 6%

Sobre a Plisan, resalta que a Xunta, Porto e Zona Franca seguirán traballando para buscar unha fórmula de comercialización das parcelas que nos faga máis competitivos co país veciño

En relación ao brexit, incide na necesidade de que o Goberno central dea resposta aos barcos que faenan no caladoiro do Gran Sol e, especialmente, nas augas das Malvinas

No eido da integración Porto-cidade, traslada que a Autoridade Portuaria de Vigo contará coa colaboración e cofinanciamento da Xunta no proxecto de humanización da avenida Beiramar ata Bouzas, co obxectivo de acondicionar un espazo transcendental para a cidade

Vigo, 17 de febreiro de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, solicitou hoxe ao Goberno central que licite un dos estudos informativos existentes da Saída sur de Vigo, unha infraestrutura “clave” para a cidade, para Galicia e para a Eurorrexión. Ao respecto, lamentou a decisión do Executivo central de elaborar un novo estudo, cando xa conta cun elaborado pola Administración do Goberno socialista e con outro presentado pola Comunidade galega.

No tocante a este último, salientou que o informe elaborado pola Xunta acredita que a Saída sur de Vigo permitiría: reducir custos de transporte; atraer novos tráficos de carga e descarga; e mellorar a conexión coa Plisan; e incrementar a actividade portuaria un 6%.

“Así llo trasladei ao presidente do Goberno na reunión que mantivemos na Moncloa: no Corredor Atlántico de Mercadorías, unha das infraestruturas prioritarias é a Saída sur de Vigo, con acceso ferroviario a Bouzas, facéndoo compatible coa cidade”, recordou, tras a xuntanza co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña.

“Polo tanto, en termos de PIB, de postos de traballo, de riqueza e de competitividade, a saída sur ferroviaria é, na nosa opinión, un elemento estratéxico para o presente e o futuro do Porto”, abundou.

Durante o encontro, o presidente da Xunta referiuse tamén á plataforma loxística Plisan, a maior bolsa de solo industrial que actualmente ten Galicia, cunha superficie de máis de tres millóns de metros cadrados. Sobre este punto, resaltou que a Xunta, Porto e Zona Franca seguirán traballando para buscar unha fórmula de comercialización das parcelas que nos faga máis competitivos co país veciño.

“E queremos que a Plisan sexa algo máis”, dixo, referíndose ao obxectivo de que se poida converter no punto de engarce do proxecto Autoancora que o sector da automoción, da man da Xunta, presentou aos fondos europeos Next Generation.

Outro dos asuntos que centrou a reunión foi o brexit e a necesidade de que o Goberno central dea resposta aos barcos que faenan no caladoiro do Gran Sol e, especialmente, nas augas das Malvinas. “Nas augas británicas das Malvinas temos entre 18 e 20 barcos faenando e necesitan unha solución, unha fórmula específica, porque sería un gravísimo problema se tivesen que descargar en portos británicos. Para Vigo sería demoledor”, insistiu.

Fondos europeos Next Generation

Por outra banda, Feijóo recordou que o Porto leva moito camiño andado na consecución dos obxectivos que agora están recollidos nos fondos europeos Next Generation, referíndose á súa Estratexia 2021-2027, que conta con 48 proxectos que encaixan nestes fondos: uns que xa están en execución; e outros que son novos e candidatos a estes fondos.

Sobre este último punto, destacou o proxecto Green Bay, que ten como obxectivos: a creación de buques de propulsión híbrida e eléctrica, a rebaixa das emisións, a creación de infraestruturas portuarias de carga e a exportación das solucións tecnolóxicas. Ademais doutras iniciativas como a Lonxa 4.0, baseada na dixitalización desta terminal portuaria no Berbés; ou a TUTATIS, para impulsar a enerxía limpa nas illas Cíes e Ons.

“Estamos a falar de proxectos importantes, por valor de 246 millóns. Algúns lidéraos a Xunta e outros o Porto pero, en todo caso, hai 300 persoas e máis de 100 institucións que participaron na confección destas candidaturas que o Porto de Vigo formulan”, precisou.

Por último, e no eido da integración Porto-cidade, o responsable do Executivo autonómico trasladou que a Autoridade Portuaria de Vigo contará coa colaboración e cofinanciamento da Xunta no proxecto de humanización da avenida Beiramar ata Bouzas, co obxectivo de acondicionar un espazo transcendental para a cidade.

“En definitiva, este Porto é a vangarda da economía da área metropolitana de Vigo. Aquí hai emprego, hai liderado, hai exportación e hai innovación e sustentabilidade”, concluíu o presidente do Goberno galego.
 

Imaxes relacionadas