A Xunta e o Concello de Verea estudan a posible posta en marcha dalgúns instrumentos de mobilización de terras na zona

O titular de Medio Rural mantivo un encontro telemático co rexedor para coñecer de primeira man as necesidades e demandas deste municipio ourensán en materia agropecuaria e forestal

O conselleiro e o alcalde abordaron a posibilidade de recuperar varios castiñeiros centenarios no concello que están sendo afectados por diversas doenzas

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo co alcalde de Verea, José Antonio Pérez, para coñecer de primeira man as principais necesidades e demandas dos habitantes deste concello ourensán en materia agropecuaria e forestal. Así, o conselleiro informou ao rexedor das posibilidades que vai ofrecer a futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e, xuntos, analizaron a posibilidade de poñer en marcha algún instrumento de mobilización de terras na zona. No encontro tamén participaron os directores xerais de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan.

Así, o titular de Medio Rural trasladoulle que a futura lei pretende recuperar e poñer en valor a terra abandonada ou infrautilizada. Neste senso, mediante distintos instrumentos de mobilización -como as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais- preténdese dotar de base territorial á xente que así o precise e o demande, co fin de revitalizar o rural e mellorar a calidade de vida da poboación. Deste xeito, o alcalde mostrouse moi interesado e comprometeuse a analizar e buscar algún núcleo ou zona na que se poida levar a cabo este tipo de figuras.

Ademais, José González insistiulle que mediante estas novas fórmulas de mobilización, conséguese protexer aos núcleos de poboación ao realizar actuacións de limpeza e prevención que permiten actuar como devasa natural fronte aos lumes forestais. Así mesmo, o conselleiro lembroulle que a través do convenio de protección das aldeas, ao que xa está subscrito este concello, poden executarse actuacións de prevención que reforzarán a protección das zonas habitadas e permitirán anticiparse aos lumes forestais.

Noutra orde de cousas, o titular de Medio Rural e o rexedor abordaron a posibilidade de recuperar varios castiñeiros centenarios no concello que están sendo afectados por diversas doenzas. Así, José González adiantoulle que, unha vez aprobada a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, poderán actuar en terreos de propietarios descoñecidos e aplicar os correspondentes tratamentos fitosanitarios.

Neste senso, o conselleiro lembrou que o seu departamento, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, destina para este ano 2021 e para o 2022 máis de 635.00 euros para loitar contra o cancro do castiñeiro mediante a inoculación de 32.000 pés desta árbore na nosa comunidade. Ademais, tamén se investirán este ano 2,2 millóns de euros para erradicar a praga da avespiña do castiñeiro. Unhas actuacións que van na liña dos obxectivos que se plantexan na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia para o período 2021-2040 para mellorar a superficie de castiñeiro. Así, prevese incrementar en 16.000 hectáreas as plantacións desta árbore na nosa Comunidade, a metade para castaña e a outra metade para madeira.

Polo tanto, sinalou José González, é evidente que a Consellería do Medio Rural traballa para protexer os soutos galegos de castiñeiros. Nesta liña, cabe sinalar que Galicia é a principal comunidade autónoma de España en produción e exportación de castañas, superando os 20 millóns de quilogramos anuais, que se traducen nun valor estimado comercializado que sobrepasa os 50 millóns de euros. De aí, destacou José González, a importancia de manter en bo estado fitosanitario estes soutos.

Imaxes relacionadas