A Consellería de Medio Ambiente aproba inicialmente o Plan Básico Municipal de Triacastela

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destaca que se trata do segundo concello que acada a aprobación inicial e o primeiro dos oito que iniciaron a redacción do seu plan básico tendo como referente o do Páramo, aprobado inicialmente en decembro

Recorda que o PBM é un instrumento de ordenación municipal para os concellos de menos de 5.000 habitantes, que no caso de Triacastela delimita os 28 núcleos rurais e fai un inventariado dos valores etnográficos e patrimoniais do concello

Salienta que para mellorar a ordenación territorial dos municipios galegos é preciso apoio e colaboración entre administracións, para avanzar conxuntamente no reto de ningún concello sen planeamento xeral

Triacastela (Lugo), 17 de febreiro de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá a orde de aprobación inicial do Plan Básico Municipal de Triacastela, polo que se converte no segundo concello de menos de 5.000 habitantes en acadar a aprobación inicial desta ferramenta de ordenación municipal, despois do Concello do Páramo; ou o que é o mesmo, convértese no primeiro dos oito concellos que están a tramitar o seu PBM tendo como modelo e referente o do Páramo, redactado pola Xunta de Galicia e aprobado inicialmente en decembro.

A conselleira de Medio Ambiente destacou que Triacastela avanza un paso importante para dotarse dun novo e moderno marco normativo en materia de urbanismo, co que protexer e conservar os valores e recursos que atesouran os seus máis de 50 km2. Explicou que o PBM de Triacastela delimita 28 núcleos rurais nun ámbito de solo urbano consolidado, dos que 21 son de categoría tradicional e os 7 restantes combinan partes tradicionais con partes de solo de núcleo rural común.

O Plan Básico tamén recolle a riqueza patrimonial do concello que, no caso de Triacastela, o inventario dos seus Bens de Interese Cultural están fortemente ligados ao itinerario francés do Camiño de Santiago; pero tamén destaca o patrimonio etnográfico e cultural, como a Cova de Eirós, así como máis de 30 elementos arqueolóxicos e un centenar de valor arquitectónico.

Ángeles Vázquez tamén salientou o papel dun Plan Básico Municipal, pois é o instrumento que permite ofrecer unha capacidade de acollida residencial e económica, que de resposta ao desenvolvemento elemental dunha certa actividade urbanística nun municipio.

Felicitou ao rexedor municipal, e ao equipo redactor, pois o interese por este instrumento que recolle a Lei do solo materialízase hoxe coa sinatura da aprobación inicial deste proxecto de ordenación municipal e, sobre todo, por contribuír e sumar no reto do Goberno galego: ningún concello sen planeamento.

Nese sentido, sinalou que acadar un urbanismo responsable é unha tarefa que precisa da implicación e da colaboración da administración local e autonómica, facilitando medidas e iniciativas que respondan ás necesidades urbanísticas de cada tipo de concello.

A modo de exemplo, recordou que os plans básicos municipais están pensados para aqueles concellos de menos de 5.000 habitantes que non dispoñen de planeamento xeral, como sucede con Triacastela. Unha ferramenta que estará vixente ata que xurdan iniciativas ou razóns determinantes dunha maior complexidade urbanística, que aconsellen a formulación dun plan xeral de ordenación municipal polo respectivo municipio.

Explicou que nesta situación están, ademais de Triacastela e O Páramo que xa contan co seu PBM aprobado inicialmente, os concellos de Ribeira de Piquín, Riotorto e Trabada (provincia de Lugo) e Cartelle, Padrenda, Porqueira e San Xoán de Río (provincia de Ourense), que avanzan na súa redacción e de seguro que antes de que remate o primeiro semestre do ano tamén acadarán a aprobación inicial.

Asemade, lembrou que outro grupo de concellos de menos de 5.000 habitantes están a impulsar os primeiros traballos que implica un PBM, como é a cartografía; polo que outros nove municipios (Alfoz, Guntín, Samos, Beariz, Lobeira, Punxín, San Cristovo de Cea, Viana do Bolo e Dozón.) vén nesta iniciativa unha oportunidade de contar cunha ordenación territorial acorde á lexislación actual.

Por outra banda, a Xunta tamén apoia técnica e economicamente aos concellos que apostan por redactar un plan xeral de ordenación municipal; polo que no ano 2021 disporá de 3,2 millóns de euros en axudas aos concellos que redacten o seu propio Pxom e seguir incrementando a lista de 108 concellos que dispoñen dun plan xeral adaptado á normativa vixente.

Imaxes relacionadas