O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a titular de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantiveron hoxe unha xuntanza co comité de empresa de Siemens

A Xunta solicita a convocatoria urxente da mesa industrial para avaliar posibles alternativas ao peche de Siemens nas Somozas

O Goberno galego enviou hoxe sendas cartas á ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, e á de Industria, Turismo e Comercio, Reyes Maroto, despois de solicitarlles xa a semana pasada a súa colaboración e non recibir resposta

A Administración autonómica defende a necesidade de que a ministra de Traballo, a través da Autoridade Laboral, advirta á empresa da súa obriga de explorar todas as vías alternativas para evitar a extinción dos 215 postos de traballo

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado pola titular de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantiveron esta tarde unha xuntanza por vía telemática co comité de empresa de Siemens nas Somozas e na que lle trasladaron a vontade da Xunta de Galicia de insistir na busca de alternativas ao peche da planta. Neste sentido, hoxe mesmo se lle reiterou ao Goberno a convocatoria urxente da mesa industrial.

Conde explicou que o Goberno galego enviou sendas cartas á ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, e á de Industria, Turismo e Comercio, Reyes Maroto, nas que as empraza a avaliar o alcance, por exemplo, da proposta realizada por Greenalia de dotar de carga de traballo á factoría ferrolá dentro do seu plan de desenvolvemento eólico en Galicia. Segundo expón a Xunta en ambas as dúas misivas, esta circunstancia abre un novo escenario dentro dun contexto de expansión das enerxías renovables en España e, nomeadamente en Galicia, que permitiría manter o emprego e a actividade industrial na planta das Somozas.

Na carta dirixida á ministra Yolanda Díaz, o Goberno galego expón que a simple aceptación da proposta de negociación con Greenalia por parte de Siemens permitiría abrir unha alternativa á execución dos despidos, polo que lle solicita que a Autoridade Laboral advirta á empresa da súa obriga de explorar todas as vías para evitar a extinción dos postos de traballo e o peche da planta na comarca ferrolá.

Cómpre lembrar que nunha primeira carta enviada ao Ministerio de Traballo a pasada semana, a Xunta xa lle pedía que a Autoridade Laboral exixira á empresa que negociase de boa fe e que explorase outras vías e alternativas ao despido dos 215 traballadores nas Somozas. Agora, tras non recibir contestación, vólvese insistir na necesidade de que se garanta a efectividade do período de consultas do expediente –que remata o vindeiro xoves, 18 de febreiro– instando á empresa a negociar neste novo escenario que se abra.

Por outra banda, ao mesmo tempo, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación tamén explicou ao comité de empresa que a Xunta se vén de poñer en contacto coa ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, para solicitarlle a convocatoria inmediata da mesa industrial ao entender que é o escenario axeitado onde poñer en común as posibles solucións para garantir a viabilidade da planta das Somozas e dos postos de traballo asociados.

Esta solicitude xa foi lanzada nunha primeira carta, tamén enviada a semana pasada, e á que o Goberno central tampouco respondeu. A Xunta de Galicia xa ten manifestado o seu rexeitamento a estes despidos ao existir medidas alternativas e solucións a medio e longo prazo sen ter que pechar os centros de fabricación e extinguir os postos de traballo. Ademais, ofrece ao Goberno a colaboración da Administración galega e pon á súa disposición as liñas de apoio coas que conta este ano, tanto axudas a proxectos de investimento como programas de financiamento de iniciativas empresariais

Neste sentido, o Goberno galego lembra que en Galicia existe unha carteira de proxectos eólicos nos que se proxecta tecnoloxía Siemens, algúns dos cales xa contan coa autorización administrativa e, polo tanto, con posibilidades de execución neste mesmo ano 2021, aos que hai que sumar outros en diferentes estados de avance administrativo. A maiores, na recente poxa convocada polo Goberno o pasado 26 de xaneiro, entre os adxudicatarios están promotores que contan con proxectos en desenvolvemento en Galicia.

Imaxes relacionadas