Feijóo aborda co alcalde de Mugardos a evolución dos proxectos de maior interese para o Concello

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe co alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, a evolución dos proxectos de maior interese para o Concello, entre os que destacou as obras de mellora da envolvente térmica do centro de saúde que, cun investimento de máis de 280.000 euros, rematarán a mediados de marzo.

Así mesmo, Feijóo destacou o proxecto de ampliación da escola infantil municipal As Lagoas de Mugardos, no que a Xunta investirá un total de 100.000 euros para, entre outros aspectos, ampliar o comedor e a cociña.

Por outra banda, e no eido da mobilidade e as infraestruturas, o presidente da Xunta confirmou que, neste semestre de 2021, comezarán as obras para levar a cabo a construción da senda peonil e ciclista na AC-133, entre Franza e Rilo. Tamén abordaron a importancia de proxectos como a senda Peteiro-O Baño, a ampliación de saída de vía rápida ao Penedo, ou a necesidade de remodelación da avenida do Seixo.

En relación á distribución da auga pola ponte das Pías, ata os municipios de Fene, Ares e Mugardos, Feijóo valorou o convenio que se asinará proximamente para dar solución ao problema, cun financiamento que se repartirá ao 50% entre Augas de Galicia e os concellos implicados.

Na xuntanza, tamén abordaron a utilización da Casa do Reloj e o rexedor trasladoulle ao presidente da Xunta o interese en contar cunha nova biblioteca no concello.

No tocante á covid, o titular do Executivo autonómico salientou que desde o inicio da pandemia, no marco do Plan de Reactivación posto en marcha pola Xunta, activáronse diversas liñas de axudas das que se beneficiaron autónomos e pemes do municipio.

Así mesmo, aproveitou a xuntanza para destacar igualmente a colaboración entre ambas administracións na loita contra a covid, coa entrega de material por parte da Xunta como: máscaras, xel hidroalcólico, luvas, batas, traxes, desinfectantes e pantallas faciais. Finalmente, o presidente da Xunta valorou o reforzo por parte do concello dos servizos sociais e das axudas para autónomos.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta