A Xunta reforzará a formación dos servizos de emerxencias que actuarán nos actos que se van desenvolver no Xacobeo

Incrementará as actividades destinadas á formación dos equipos de emerxencias e dos corpos de seguridade, e programará novos cursos

A 13ª promoción de policías locais inicia a súa formación, con 94 alumnos que farán as primeiras probas de selección o 26 de febreiro

O Consello Reitor da Academia Galega de Seguridade Pública reuniuse hoxe, entre outras cuestións, para informar da actividade do 2020, aprobar a do primeiro semestre e 2021 e dar conta do seu orzamento para este ano, que supera os 3,1M€
 

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2021

O Consello Reitor da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) reuniuse hoxe para, entre outras cuestións, aprobar o plan anual de actividades para o presente ano, que destaca por un incremento notable dos cursos de formación por mor do Xacobeo 2021-2022.

Tendo en conta as circunstancias especiais deste Ano Santo, marcado pola pandemia pero sen renunciar á celebración dun número importante de eventos cando a situación sanitaria o permita, o Consello Reitor dou luz verde a un importante incremento das actividades formativas para o presente ano.

No servizo de Formación en Emerxencias, fronte ás 46 actividades que se levaron a cabo no 2020 e nas que participaron 1.719 persoas, está previsto organizar este ano 150 programas, cun número de asistentes que superará os 3.850 matriculados. Dirixidos a profesionais das emerxencias, axentes forestais e medioambientais, socorristas, persoal dos grupos de emerxencias municipais ou voluntarios, os cursos da AGASP teñen como obxectivo mellorar a preparación dos profesionais que traballan na primeira liña de atención á poboación.

Na reunión do Consello Reitor tamén se informou da actividade do servizo en Seguridade Pública ao longo do 2020, que destacou por formar a promoción de Policía Local máis numerosa da Academia, con 134 alumnos que se repartiron en cinco grupos e que asistiron a un total de 4.500 horas lectivas. Este ano, ademais, formarase a décimo terceira promoción da Policía Local, con 94 alumnos que xa están en proceso de selección e que farán o primeiro e o segundo exercicio das probas selectivas o 26 de febreiro.

Tamén se levaron a cabo no 2020 os procesos para a selección de 149 prazas de policía e 119 de axentes auxiliares de Policía Local. O servizo realizou o ano pasado 68 actividades ao longo de 6.189 horas lectivas, con 2.066 prazas e 1.608 diplomados. Para o presente ano está previsto realizar 73 cursos con 3.323 prazas e 1.864 horas lectivas dirixidos ás forzas de seguridade.

As medidas de seguridade pola covid-19 obrigaron a intensificar no 2020 a formación en liña, e así seguirá sendo este ano, no que están previstos quince novos programas formativos como cursos de idiomas, cursos de linguaxe da administración en galego, cursos de ofimática e sesións de autoformación na Rede.

Para todas estas actividades, a AGSP contará no 2021 cun orzamento de máis de 3,1 millóns euros, tal e como se informou na reunión do Consello Reitor, na que se dou conta tamén dos convenios de colaboración asinados o ano pasado cos concellos de Caldas de Reis, Noia, Guitiriz, A Rúa, Pontevedra, Outes, Vilalba, Cabanas, Padrón, Ponteceso, Arteixo, Burela, Ponte Caldelas e Friol.
 

Imaxes relacionadas