Lorenzana subliña o papel clave dos medios de comunicación na loita contra a violencia de xénero

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe unha xuntanza por videoconferencia coa directiva da Asociación de Periodistas de Galicia (APG) para abordar as conclusións do último congreso de medios de comunicación e igualdade apoiado pola Xunta e no que se analizou A influencia da pandemia na igualdade e na violencia de xénero.

Durante a xuntanza, a conselleira volveu por en valor o papel clave dos medios de comunicación na loita contra a violencia de xénero, como ferramenta para denunciar estas agresións e tribuna desde a que se pode concienciar á sociedade de que a violencia contra as mulleres é un delito. Na mesma liña da súa intervención na clausura do congreso celebrado en decembro, Lorenzana subliñou a necesidade de seguir a abrir o foco e dar protagonismo a testemuñas de mulleres que lograron saír da situación de violencia, para contribuír a que outras persoas na mesma situación se animen a denunciar.
 

Imaxes relacionadas