A Xunta destaca que a Lei de reactivación catalogará como iniciativas empresariais prioritarias os proxectos de enerxía renovable vencellados ao autoconsumo industrial

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta mañá un encontro con representantes do Clúster das Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal) co obxectivo de escoitar as súas achegas e seguir definindo o modelo de transición ecolóxica da Comunidade

Animou ao Clúster a liderar iniciativas que opten desde Galicia aos fondos europeos de reconstrución
 

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2021.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reuniuse esta mañá con representantes do Clúster das Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal) para escoitar as súas achegas e seguir definindo o modelo de transición ecolóxica da Comunidade. Neste sentido, lembrou que a Lei de reactivación económica, que se prevé aprobar a semana que vén no Parlamento galego, recolle a figura de iniciativa empresarial prioritaria, da que forman parte os proxectos de xeración eléctrica a partir de renovables cando estean vencellados ao autoconsumo industrial.

A Xunta busca con este novo marco normativo trasladar o compromiso de Galicia coa expansión das enerxías renovables desde as máximas garantías xurídicas e coa promoción dunha transición enerxética xusta e ordenada que permita, ademais, a transformación do tecido produtivo galego. Ademais das propostas de xeración de enerxía renovable vinculadas ao autoconsumo a nivel industrial, os proxectos eólicos tamén serán considerados en Galicia iniciativas empresarias prioritarias cando se enmarquen nun destes tres casos: que creen ou consoliden un mínimo de 25 empregos, que xeren un volume de investimento superior aos 20M€ ou teñan xustificada a totalidade dos compromisos industriais derivados da orde de 29 de marzo de 2020.

Fondos europeos Next Generation

O vicepresidente económico tamén animou a Cluergal a liderar iniciativas que opten desde Galicia aos fondos europeos de reconstrución Next Generation. Estes fondos, xunto coa Lei de reactivación, son os elementos fundamentais para dar un impulso definitivo ás enerxías renovables en Galicia e acadar unha industria máis sustentable.

Conde explicou que a aposta polas enerxías limpas é un obxectivo transversal na candidatura galega aos fondos Next Generation e puxo como exemplo o Polo para a Transformación de Galicia con iniciativas como o desenvolvemento de 1000MW de nova potencia eólica e solar, pero tamén iniciativas vinculadas ao hidróxeno verde ou á mobilidade sustentable.

 

Imaxes relacionadas