A conselleira de Política Social, Fabiola García, explicou a proposta elevada polo Goberno galego ao Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030

A Xunta presenta ao Goberno central unha trintena de proxectos do ámbito social para captar 164 M€ de fondos europeos

O 60% dos fondos destinaranse á creación de novos centros de servizos sociais e a reformar e adaptar os existentes

Galicia fai unha aposta moi importante pola innovación social e a modernización tecnolóxica dos servizos sociais cun investimento de máis de 33 millóns de euros

Fabiola García subliñou que, se se aproba a candidatura presentada, máis de 27 millóns de euros serán xestionados coa participación dos Concellos, isto é, máis do 15% que propón o Goberno central

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia presenta ao Goberno central unha trintena de proxectos do ámbito social para captar 164 millóns de euros de fondos europeos vertebrados no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. As comunidades autónomas contarán nos vindeiros tres anos con máis de 2.630 millóns de euros para realizar proxectos, dentro da liña Economía dos coidados. Así o explicou a conselleira de Política Social, Fabiola García, esta mañá en rolda de prensa.

Fabiola García destacou que nos últimos días achegouse ao Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 a candidatura de Galicia para o bloque social destes fondos. A nosa comunidade autónoma presentou unha trintena de proxectos “para darlles forma aos servizos sociais da Galicia do futuro”, salientou. Os proxectos serán valorados polo Goberno central e presentados despois á Comisión Europea.

Criterios nacionais

Esta trintena de iniciativas repártense, segundo os criterios marcados a nivel nacional, en seis eixos. O primeiro eixo vai destinado á creación de novos centros de servizos sociais e a reformar e adaptar os existentes. Esta liña é a que conta cun investimento maior e a ela a Xunta de Galicia destinará preto do 60% dos 164 millóns de euros.

Entre os obxectivos marcados dentro desta liña está a mellora arquitectónica e funcional das residencias de maiores e persoas con discapacidade, para seguir avanzando cara a un modelo de atención social personalizado e próximo, no que cada residente se poida sentir como na súa propia casa.

O segundo eixo céntrase na instalación de sistemas de domótica e teleasistencia avanzada, que permitan estender o sistema de coidados a domicilio aproveitando a potencialidade da tecnoloxía, especialmente nas contornas rurais. Estes proxectos levarán un 10% do investimento total.

Innovación en materia social

O terceiro e cuarto eixo corresponden a proxectos piloto de innovación en materia social ou á modernización tecnolóxica dos servizos que xa se prestan. Dentro desta liña, propóñense varias iniciativas de loita contra a soidade non desexada, de rehabilitación para as persoas con discapacidade ou un proxecto interxeracional para o intercambio de experiencias entre os maiores e os máis novos. Galicia fai unha aposta moi importante pola innovación social, e estes dous eixos recollen un investimento de máis de 33 millóns de euros.

O quinto eixo concentra un 10% dos fondos e está centrado na mellora da atención aos menores tutelados, avanzando cara a un modelo aínda máis centrado nos dereitos do nenos e na súa inclusión social e laboral. Neste eixo, presentouse por exemplo un proxecto para facilitar a transición á vida adulta dos menores dos ámbitos rurais.

Por último, o sexto eixo vertébrase na mellora da accesibilidade desde un prisma integral: tanto o acceso á Administración como á educación, ao ámbito laboral e o do transporte. Na liña dos parámetros fixados a nivel nacional, Galicia propón investir neste ámbito máis de 2,5 millóns de euros.

Colaboración cos concellos e entidades

A conselleira explicou que a Xunta de Galicia non pretende levar a cabo esta remodelación e mellora dos servizos sociais en soidade. O Goberno galego quere facelo en colaboración con dous dos seus principais aliados: os concellos e as entidades sociais.

Fabiola García adiantou que, se se aproban as iniciativas presentadas, xestionaranse máis de 27 millóns de euros coa participación dos concellos, unha contía que supera o 15% que propón o Goberno central. Ademais, abrirase a porta ás entidades sociais para a xestión de boa parte desa trintena de iniciativas presentadas.

Imaxes relacionadas