O presidente da Xunta reuniuse hoxe con Marián Ferreiro Díaz

Feijóo avalía coa alcaldesa de Narón a evolución dos proxectos claves para o concello

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avaliou hoxe coa alcaldesa de Narón a evolución dos proxectos claves para o Concello, entre os que destacou a construción do novo centro de saúde, cuxas obras, cun investimento de máis de 5,5 millóns de euros, están executadas en máis dun 80%.

Cunha superficie de 4.312 metros cadrados, 1.800 metros cadrados máis que o actual, este novo edificio, que estará rematado marzo, albergará 56 consultas e contará con espazos como: a área de medicina xeral e enfermaría; área pediátrica; área da muller; área de fisioterapia e de radioloxía; ou a área de urxencias/PAC.

Durante a xuntanza, Feijóo tamén avanzou unha próxima reunión entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o Concello para avaliar o estado de conservación de centros educativos de titularidade da Xunta e do Concello.

Así mesmo, en materia de infraestruturas, Feijóo lembrou que proximamente se licitará un proxecto de reforzo de firmes que tamén actuará na AC-566. E, no tocante ao acondicionamento do aparcadoiro que dará servizo ao novo centro de saúde, xunto á estrada AC-862, subliñou que a actuación, que contará cun investimento de 600.000 euros, someterase a información pública nas vindeiras semanas, coa previsión de que se poida aprobar na primavera.

No tocante á covid, Feijóo salientou que desde o inicio da pandemia, no marco do Plan de Reactivación posto en marcha pola Xunta, activáronse diversas liñas de axudas das que se beneficiaron preto de 70 empresas do municipio.

Así mesmo, aproveitou a xuntanza para destacar tamén a colaboración entre ambas administracións na loita contra a covid, coa entrega de material por parte da Xunta como: máscaras, xel hidroalcólico, luvas, batas, traxes, desinfectantes e pantallas faciais.

Imaxes relacionadas