A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou o remate do itinerario de algo máis de 700 metros no lugar de San Caetano, que se enmarca no Plan de sendas na comarca de Pontevedra, con 11 km de sendas e un investimento de máis de 5 M€

Ethel Vázquez destaca o investimento da Xunta de case 700.000 euros na senda de Alba en Pontevedra que permite facer máis humana e segura a PO-225 para veciños e peregrinos

O itinerario mellora a mobilidade dos condutores que van cara ás naves industriais e a seguridade dos peóns neste treito de vía coincidente co Camiño Portugués

Acondicionouse a praza ao carón da capela de San Caetano, dispúxose unha franxa axardinada que reforza a seguridade de peóns e peregrinos e executouse unha pasarela metálica peonil de máis de 13 metros na zona do río

Na primavera iniciaranse as obras da senda na estrada PO-531 na Devesa, que se atopa en fase de contratación, cun investimento próximo aos 800.000 €

Vázquez Mourelle pon en valor os investimentos da Xunta na cidade, como o complexo intermodal, a mellora da depuradora dos Praceres e o impulso do emisario submarino ou a 1ª fase do Hospital Público Gran Montecelo

Pontevedra, 16 de febreiro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o investimento da Xunta de case 700.000 euros na senda de Alba, en Pontevedra, que permite facer máis humana e máis segura a estrada autonómica PO-225 para veciños e peregrinos.

Vázquez Mourelle, que estivo acompañada do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, supervisou no lugar de San Caetano o itinerario peonil executado nas marxes desta estrada autonómica.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade subliñou o resultado da actuación integral de posta en valor de toda a contorna, que permitiu gañar espazo para as persoas, favorecendo a mobilidade dos condutores que van cara ás naves industriais da zona e tamén propiciando desprazamentos máis seguros para os veciños e peregrinos que transitan por este treito coincidente co Camiño Portugués.

Para iso, tal e como explicou Ethel Vázquez, executouse unha nova senda peonil de algo máis de 700 metros de lonxitude, preto de 600 metros continuos de senda pola marxe esquerda, e o resto, pola marxe dereita, en 2 treitos.

Tamén se acondicionou a praza ao carón da capela de San Caetano e dispúxose unha franxa axardinada, que ademais de mellorar a estética e a integración na paisaxe do itinerario cumpre a función de reforzo da seguridade de peóns e peregrinos.

Os traballos completáronse coa pasarela metálica peonil na zona do río, de algo máis de 13 metros, que contribúe á estética da contorna. Rectificouse tamén unha curva e reordenouse a intersección existente neste treito, ademais da drenaxe de augas pluviais e novas redes de servizos, para electricidade e telecomunicacións.

Sinalou que este novo itinerario se enmarca no Plan de sendas da comarca de Pontevedra que está a desenvolver a Xunta e que recolle a construción de 11 km de sendas e un investimento de máis de 5 M€, actuacións cofinanciadas con fondos FEDER 2014/2020. Tres dos itinerarios xa están rematados, este de Alba e dous no concello de Poio, e está en fase de contratación a senda da Devesa, na estrada PO-531, co obxectivo de iniciar as obras en primavera, cun investimento próximo aos 800.000 euros.

A conselleira sumou a estas actuación outros investimentos importantes do Goberno galego xa en marcha ou que se están a impulsar en Pontevedra, co obxectivo de mellorar as infraestruturas e os servizos públicos nesta cidade.

Citou entre as intervencións máis destacadas as obras do complexo intermodal de Pontevedra; a mellora do saneamento da ría, onde se están a mobilizar máis de 30 M€ na mellora da depuradora dos Praceres e no impulso do emisario submarino; e a 1ª fase do Hospital Público Gran Montecelo, na que Xunta investirá 130 M€ e cuxas obras se prevén iniciar xa en maio.

Imaxes relacionadas