O presidente da Xunta reuniuse hoxe con Santiago Freire Abeijón

Feijóo aborda co alcalde de Noia os proxectos clave para o concello como a construción dun novo centro de saúde

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe co alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, os proxectos clave para o Concello, entre os que destacou a construción dun novo centro de saúde que dará servizo aos máis de 32.000 veciños da comarca.

Ao respecto, Feijóo valorou que o Concello se comprometa a xestionar a parcela e salientou que a Administración autonómica licitará o proxecto construtivo de forma simultánea ao proceso de cesión, co obxectivo de axilizar esta infraestrutura.

Durante a reunión, na que tamén estivo presente a concelleira de Economía, Facenda e Deportes de Noia, Laura Salgado García, Feijóo referiuse tamén ao proxecto para converter un antigo estaleiro, situado en Abruñeiras, nun edificio de usos náutico-deportivos. Unha obra na que colaborarán a Secretaría Xeral para o Deporte, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello e que está previsto executar neste 2021.

Así mesmo, ambos avaliaron o plan de saneamento que se elaborou co obxectivo de realizar unha radiografía completa do sistema de saneamento deste municipio; a posibilidade de levar a cabo a construción dunha nova EDAR; así como as obras de mellora do sistema de abastecemento, que contarán cun investimento de case un millón de euros.

En materia de infraestrutura, o presidente do Executivo autonómico reiterou o compromiso coa reparación e posta en valor da Ponte Nafonso; un proxecto cuxa licitación prevese para finais de febreiro ou principios de marzo, co obxectivo de que se poida executar no segundo semestre de 2021. E, no eido educativo, confirmou a execución no verán da rehabilitación integral do IES Campo de San Alberto, cun investimento de máis dun millón de euros;

No tocante á covid, Feijóo salientou que desde o inicio da pandemia, no marco do Plan de Reactivación posto en marcha pola Xunta, activáronse diversas liñas de axudas das que se beneficiaron máis de 30 empresas do municipio.

Así mesmo, aproveitou a xuntanza para destacar tamén a colaboración entre ambas administracións na loita contra a covid, coa entrega de material por parte da Xunta como: máscaras, xel hidroalcólico, luvas, batas, traxes, desinfectantes e pantallas faciais.

Imaxes relacionadas