Galicia resalta o labor das entidades rexionais e locais no traballo preliminar da conferencia sobre o futuro de Europa

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na reunión virtual da Comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións

Bruxelas, 16 de febreiro de 2021

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea representou hoxe a Galicia na primeira reunión do ano da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións. Neste encontro virtual, Jesús Gamallo remarcou a importancia do traballo realizado pola comisión CIVEX en relación coa vindeira Conferencia sobre o futuro de Europa, destacando o papel fundamental que xogan as entidades rexionais neste eido.

A Conferencia sobre o futuro de Europa foi anunciada pola presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen, no seu discurso de apertura de xullo de 2019 e nas súas orientacións políticas. A Conferencia ha de ser unha oportunidade para participar nun debate máis estruturado, co obxectivo de mellorar o funcionamento da Unión non só en termos de dinámica institucional, senón tamén no que respecta ás políticas. Polo momento, as tres institucións aínda non acordaron as perspectivas e a gobernanza da Conferencia, e a data de inicio, inicialmente prevista para o 9 de maio de 2020 en Dubrovnik, foi aprazada debido á pandemia de Covid-19, mais espérase que sexa convocada nos vindeiros meses.

O director participou nesta reunión apoiando o programa de traballo da comisión CIVEX para o ano 2021, que ten como prioridade o acercamento da UE á cidadanía, como resultado de atender as prioridades políticas do Comité de Rexións, así como o programa de traballo da Comisión Europea, a través do fortalecemento da democracia, da mellora da calidade da lexislación e da intensificación da participación das autoridades rexionais e locais na gobernanza europea.

Outros temas que se abordaron na reunión foron o paquete de ampliación 2020 e o Novo Pacto sobre Migración e Asilo, baseado, entre outros aspectos, na necesidade de dotar aos entes rexionais e locais dun acceso sinxelo e claro á financiación da UE para a integración e a inclusión. Ademais, neste encontro virtual tamén se abordou un novo debate temático sobre a Estratexia para reforzar a aplicación da Carta dos Dereitos Fundamentais, co obxectivo de garantir que tanto as institucións da UE como os estados membros, en todos os seus niveis de gobernanza, a apliquen de maneira efectiva.

Durante a reunión asignouse un ditame sobre o Plan de Acción para a Democracia Europea, para mellorar a resiliencia das democracias e abordar as ameazas de interferencia externa nas eleccións europeas.

A comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións representa aos entes locais e rexionais da Unión Europea, asesorando sobre aquelas políticas e lexislacións que teñen un impacto directo sobre eles. Galicia conta cun membro titular e un suplente nesta asemblea política composta por 329 membros e os seus respectivos suplentes. No actual mandato 2020- 2025, Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Esta última elabora ditames en materia de seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria e cidadanía activa, entre outros.
 

Imaxes relacionadas