A Xunta e o Concello de Portomarín colaboran para a mobilización de terras abandonadas e para a mellora de camiños municipais

O conselleiro do Medio Rural e o alcalde reuníronse para analizar as necesidades e demandas dos veciños deste municipio lucense

A Consellería ten consignados máis de 93.000 euros para o arranxo de distintas vías de comunicación da localidade, no marco do Plan de Infraestrutura Rurais (PIR) e do Plan Marco de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas
 

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha xuntanza co alcalde de Portomarín, Juan Carlos Serrano, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio lucense. Así, os dous analizaron os diferentes instrumentos de mobilización que contempla a futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, para avaliar as posibilidades que ofrecen nesta localidade figuras como os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta.

Nesa liña, o conselleiro sinalou que esta norma ten como principal obxectivo promover a recuperación da terra abandonada ou infrautilizada para devolvela á produción e darlle base territorial a quen a desexe traballar. Desta forma, preténdese revitalizar o rural ao abeiro dos seus tres usos fundamentais -agrícola, gandeiro e forestal- e traballar así pola recuperación demográfica, pola mellora da calidade de vida da poboación e pola anticipación aos incendios.

No encontro, ambos dirixentes analizaron tamén a necesidade de mellora das infraestruturas rurais do concello. Nesta liña, José González destacou a importancia do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR), que ten consignados máis de 48.000 euros para o municipio de Portomarín, en concreto, para reafirmar o camiño de acceso ao núcleo de Pardellas.

Doutra banda, dentro do Plan Marco de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022, o concello de Portomarín ten outorgada unha contía de algo máis de 45.000 euros. Na anterior edición, xa se lle asignaran máis de 35.000 euros para o mantemento e mellora do acceso ao núcleo do Vilar. Segundo destacou o conselleiro, esta liña de achegas permite acondicionar as vías que dan acceso ás parcelas agrarias, que son as canles de entrada e saída das producións rurais, contribuíndo non só á accesibilidade e vertebración do territorio, senón tamén ao aumento da competitividade agraria e forestal. Nesa dirección, apuntou que facilitando o tránsito de maquinaria ás explotacións conséguese tanto unha maior axilidade das operacións como unha redución de custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado.

Imaxes relacionadas