A Xunta abre o prazo de inscrición da edición do programa 'TecEuropa' destinada a entidades locais

A Fundación Galicia Europa convoca unha nova edición do curso de especialización en financiamento comunitario, que se desenvolverá de xeito virtual en cinco sesións entre o 4 e o 12 de marzo

O curso centrarase no novo período financeiro 2021-2027 e no novo instrumento temporal de recuperación “NextGenerationEU”

O programa TecEuropa contribuíu nas súas máis de dez edicións á formación de máis de 250 profesionais e a expandir unha rede galega de especialistas en xestión de fondos comunitarios

Bruxelas, 16 de febreiro de 2021

A Fundación Galicia Europa (FGE) abre hoxe o prazo de inscrición para a nova edición do curso de especialización en financiamento comunitario TecEuropa. Esta 11ª edición, que se celebrará de xeito virtual entre o 4 e o 12 de marzo de 2021 está dedicada a entidades locais públicas, como concellos e deputacións, e abordará o novo Marco Financeiro Plurianual 2021-2027 e o novo instrumento temporal de recuperación NextGenerationEU, desde unha perspectiva local.

Tras a alta demanda percibida na décima edición, que bateu cifras récord de participación, e tras escoitar as suxestións dos asistentes, o padroado da FGE e o seu director, Jesús Gamallo, acordaron na súa última reunión do ano 2020, a celebración de novas edicións de TecEuropa neste ano destinadas á formación de técnicos de entidades públicas e privadas galegas, no marco do compromiso da entidade coa defensa dos intereses da comunidade galega para optar aos fondos europeos.

Nesta nova edición, moderada pola directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, os asistentes poderán, ao longo de cinco xornadas e da man de especialistas e representantes comunitarios, profundar en todos os aspectos relativos ao Plan de Recuperación para Europa, identificar as oportunidades que ofrece a nivel local e intercambiar ideas e compartir boas prácticas.

Desde a súa posta en marcha no 2015, TecEuropa contribuíu ao longo de dez edicións á formación de máis de 250 profesionais e a crear e expandir unha rede galega de especialistas en xestión de fondos comunitarios, o que o levou a consolidarse como o curso galego de referencia nesta materia.

A Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 350 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.

Imaxes relacionadas