A Xunta traslada ao ministro Castells o labor das universidades galegas fronte á covid-19 e pide non crear máis incertezas

Román Rodríguez demanda unha “participación sincera” na elaboración da nova lei de universidades e demanda máis fondos para a dixitalización

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, trasladou hoxe ao ministro de Universidades, Manuel Castells, o gran traballo que as tres universidades galegas están a realizar diante da pandemia da covid-19. Neste sentido, o representante da Xunta de Galicia puxo en valor o esforzo dos equipos decanais e reitorais da Comunidade galega en tempo e organización, un labor que se ve danado cando, como explicou o conselleiro, “se fan declaracións que poñen en dúbida este traballo e crean incertezas”.

Román Rodríguez explicou que en Galicia os exames presenciais se desenvolveron con normalidade. Así mesmo, puxo en valor o esforzo desenvolvido polas universidades a través dos plans de continxencia e dos esforzos en materia de dixitalización, grazas ao que a actividade lectiva se está a desenvolver ata o 1 de marzo de xeito telemático.

No referido á dixitalización, o conselleiro indicou tamén que os fondos ofrecidos polo Ministerio de Universidades para este fin, 70M€ para o conxunto do sistema español, son insuficientes neste curso. Máis tendo en conta que a Xunta acaba de transferir ás tres universidades galegas 10M€ de fondos propios para proxectos de deste eido.

Así mesmo, demandou criterios definidos para o reparto dos fondos europeos e instou a traballar unidos para incrementar os fondos previstos, de arredor de 500M€.

Unha lei con vocación de pervivencia

No que atinxe ao marcos normativo presentado polo ministro na reunión, en concreto á nova lei de universidades, Román Rodríguez reclamou unha “participación sincera” das comunidades autónomas na súa elaboración. En calquera caso, o conselleiro salientou a importancia de que esta nova lei de Universidades “teña vocación de pervivencia no tempo e non sexa unha lei de partido nin de goberno”.
 

Imaxes relacionadas