Ethel Vázquez solicita o apoio do concello e dos empresarios de Santa Comba para demandar 10 M€ de fondos europeos de reconstrución para o acondicionamento da estrada AC-406

A Xunta xa solicitou ao Goberno central fondos do Plan de recuperación para darlle continuidade ás obras rematadas o pasado ano entre Abuín e o parque empresarial, que supuxeron un investimento autonómico de 4,3 millóns de euros

Mentres se confirma este financiamento, a Consellería de Infraestruturas avanza na redacción do primeiro dos proxectos das novas fases do acondicionamento da estrada Portomouro-Santa Comba

O obxectivo é actuar ao longo de máis de 10 quilómetros desta estrada, coa rectificación de curvas e o acondicionamento do firme, beneficiando aos concellos de Val do Dubra, A Baña e Santa Comba
 

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2021

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, solicitou hoxe o apoio do Concello e dos empresarios de Santa Comba para demandar 10 millóns de euros dos fondos europeos de recuperación para levar a cabo o acondicionamento da estrada autonómica AC-406, entre Portomouro e Santa Comba.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo no día de hoxe sendas reunións co alcalde de Santa Comba, David Barbeira, e cos representantes da Asociación de Empresarios deste municipio coruñés, onde abordaron este proxecto estratéxico para as comunicacións da zona.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade comunicoulles que a Xunta xa solicitou ao Goberno de España financiamento para esta actuación a través dos fondos europeos do Plan de recuperación da economía, no marco do obxectivo estratéxico de mellora das infraestruturas e comunicacións no ámbito rural, para a mellora da accesibilidade.

A conselleira apuntou que se trata de darlle continuidade á primeira fase de acondicionamento desenvolvida neste vía autonómica, entre Abuín e o parque empresarial, a variante de Salgueiroas, rematada en febreiro do pasado ano.

O obxectivo da Xunta co acondicionamento do resto da estrada Portomouro-Santa Comba é mellorar o seu trazado, coa rectificación de curvas e o acondicionamento do firme ao longo de máis de 10 quilómetros da vía, en beneficio dos concellos de Val do Dubra, A Baña e Santa Comba.

Na reunión, Vázquez Mourelle trasladoulle ao rexedor local e aos empresarios de Santa Comba que, en paralelo a esta solicitude de fondos do plan de recuperación, a Xunta avanza na redacción do primeiro dos proxectos desta estrada, para continuar a súa execución por fases.

A conselleira subliñou que a actuación ten por finalidade mellorar a seguridade viaria da vía e reforzar a competitividade da comarca, ao proporcionar unha mellor conexión con Santiago, mellorada tamén de forma notable coa Variante de Aradas, posta en servizo en febreiro de 2019.

Variante de Salgueiroas

A estrada Portomouro-Santa Comba rexistra unha intensidade media de 4.000 vehículos ao día, e a Xunta xa levou a cabo unha primeira fase de acondicionamento desta estrada, entre Abuín e o parque empresarial de Santa Comba, que supuxo un investimento de 4,3 millóns de euros.

Os traballos consistiron na execución dun trazado alternativo á estrada existente, a variante de Salgueiroas, unha vía de novo trazado de 2 quilómetros de lonxitude construída entre o parque empresarial e Abuín, que permitiu retirar o tráfico do núcleo de poboación, principalmente pesado, favorecendo unha maior comodidade nos desprazamentos, unha redución nos tempos de percorrido e, polo tanto, tamén mellora da competitividade e reforzo da seguridade viaria.

A variante de Salgueiroas, que xe se puxo en servizo o 28 de febreiro de 2020, dispón de carrís 3,5 metros de ancho, ademais das beiravías. Conta ademais con dúas interseccións, unha semiglorieta para conectar un núcleo de poboación coa variante e unha rotonda no punto final da actuación, que dá acceso ao parque empresarial de Santa Comba. Tamén se construíron dous pasos inferiores e un viaduto, ademais de camiños de servizo para garantir os accesos existentes.
 

Imaxes relacionadas